Andrea Montero: “Nunca nos rendemos”

A capitá e peche do Lago Sport, Andrea Montero Peteira (As Pontes de García Rodríguez, 2001), é unha líder dentro e fóra da cancha. Cumpre a súa cuarta tempada no conxunto pontés, que unha tempada máis pelexa polo ascenso, e previamente xogou no SD O Val.

Destaca polo seu potente disparo, capacidade de liderado, a súa entrega nas tarefas defensivas, así como comezar as xogadas de ataque.

Como ves o crecemento do club nestas catro tempadas?
O crecemento foi espectacular. Avanzamos moitísimo en todos os sentidos, e ademais, a sección feminina converteuse nun referente na provincia grazas á forte aposta que fixo o club por crear un equipo senior feminino. O presente do Lago Sport é moi sólido e o futuro pinta aínda máis prometedor.

Que sentes ao xogar co equipo da túa cidade?
É algo moi especial para min e que me enche de orgullo, porque sei que estamos a facer historia como o primeiro equipo feminino de fútbol sala do pobo. Ademais, ao ser a capitá, sento unha responsabilidade e unha ilusión aínda maiores. Cada partido é unha mestura de emoción e compromiso, e cada logro, como a copa que gañamos o ano pasado, vivímolo intensamente, porque é algo que construímos xuntas desde abaixo, con esforzo e ilusión.

Cada ano sodes máis fortes. Cal é o segredo?
Creo que o segredo está, sobre todo, no grupo humano que formamos. Cada ano coñecémonos mellor, confiamos máis unhas noutras e iso nótase na pista. Todas remamos na mesma dirección e sabemos que o esforzo colectivo é o que nos fai fortes. Ademais, nunca nos rendemos, dá igual como vaia o partido ou o que teñamos en fronte, sempre o pelexamos ata o final. Moitas levamos xa varios anos xuntas e imos gañando experiencia, corrixindo erros e mellorando a nivel individual e colectivo. E non me podo esquecer do traballo do corpo técnico, que sempre está pendente de nós, axudándonos a crecer e a sacar o mellor de cada unha. Todo iso fai que cada ano sexamos un pouco mellores.

Foto: Sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas