O Mandiá, que a próxima tempada militará en Segunda Futgal e que tamén o acompañarán o filial do Miño e do Perlío, ten entre as súas filas a un xogador como é o centrocampista ofensivo Esteban Santalla Basanta (Ferrol, 2002), un futbolista rápido, cunha gran visión de xogo e moita facilidade para facer goles, que se formou na base do Ánimas ata cadetes de segundo ano, e tras pasar polos xuvenís do Racing, recalou hai catro tempadas no Mandiá.
Tras obter con bastante antelación o ascenso, Esteban Santalla resaltou o estado de ánimo do equipo, destacando que “estamos moi contentos, foi o obxectivo que se marcou a principio da tempada e con traballo e esforzo de todo o equipo púidose cumprir o obxectivo antes de que se acabe a liga e así deixar ao Mandiá onde se merece, que é en segunda”.
Sobre o nivel da Terceira Futgal, o ferrolán opinou que é “bastante bo, porque visto o que vai de tempada calquera equipo da liga vai esixir o máximo para levarche os tres puntos, e a falta de varias xornadas, a liga aínda está por decidirse, xa que pode pasar calquera cousa e nós imos dalo todo para acabar o máis arriba posible”.
Finalmente, o centrocampista do Mandiá sinalou que as súas sensacións a nivel individual “son boas, sumando minutos e gozando desta tempada, sempre axudando ao equipo no que faga falta para que este mellore”, engadindo que “estou moi contento co equipo que temos, somos un grupo totalmente novo e moi xoven, co cal, isto vénlle bastante ben ao equipo para o futuro”.
Foto: Sadmoody241




