Na vangarda do Xallas irrompe Bryan García Pereira (Santa Comba, 2004), un centrocampista ofensivo con alma de goleador.
Formado en canteiras como a do propio Xallas, Bergantiños, Dumbría, Conxo e Zas, seguiu o seu camiño en Baio e Mazaricos antes de regresar ao conxunto xalleiro. O seu fútbol é puro instinto, con chegada, desborde e ambición constante. Bryan non agarda polo gol, persígueo, e cando pisa área, cada xogada convértese nunha ameaza real.
Que significa para Bryan representar ao Xallas?
É un orgullo poder representar este escudo porque é un equipo con moita historia na Costa. Sempre é bonito poder competir a bo nivel no equipo do meu pobo e poder facelo cos mesmos rapaces cos que crecín xogando a este deporte, pois faino o triplo de bonito.
Cal cres que é a maior fortaleza do Xallas nesta tempada?
Somos un equipo que nunca tira a toalla. Competimos moi ben en todos os campos, pero sobre todo, na Fontenla creo que damos ese punto máis que fai que sexa difícil que os equipos nos leven os tres puntos.
Que adestrador ou compañeiro influíu máis na túa carreira?
Tiven a gran sorte de coincidir con moi bos compañeiros e adestradores, pero se me teño que quedar con algún, diría como adestradores a Borja Facal, que cambiou bastante a miña mentalidade e axudoume moito en mellorar, tanto técnica como tacticamente, e tamén con Bruno “Doriño” e Churián, que despois dunhas tempadas fóra do Xallas, déronme desde dia un a confianza necesaria para poder dar o mellor de min e intentar mellorar cada dia coa axuda dos seus adestramentos. E como compañeiros podería dicir moitísimos, pero quédome con Adrián Couto ou Iker Arán, que son xogadores cos que crecín xogando a este deporte e cos que comparto moi bos momentos dentro do campo de fútbol.
Foto: fotoschimpi




