Carmen Colodrón: “As claves foron o traballo de todo o equipo en xeral”

Unha das almas do equipo valexo é a incombustible Carmen Colodrón Villar (Mieres, 1985), centrocampista defensiva que tamén exerce como central cando a situación o require.

Con pasado en O Val, Racing, CD Narón e Amistade, retornou hai dúas tempadas á escuadra valexa, logrando nesta o ascenso a Nacional.

Que significa para ti lograr o ascenso co club onde te formaches?
Pois a verdade é que é unha ilusión moi grande. Vin como se traballou ao longo dos anos no Val para poder lograr o ansiado ascenso á categoría Nacional. De feito, xa en varias ocasións estivemos ao bordo de logralo pero nunca puideramos conseguilo.

Cales foron as claves para lograr a fazaña?
As claves foron o traballo de todo o equipo en xeral. Tentando adaptarnos e amoldarnos ás diversas adversidades que xurdiron polo camiño, tendo claro que este ano o máis probable é que houbese máis prazas que calquera dos anos anteriores e que non podiamos deixarnos nada nos partidos e tentar puntuar en todos eles para conseguir estar o máis arriba posible.

Imaxinábaste este ascenso tras volver a O Val hai dúas tempadas?
En canto nos falaron do proxecto fai un par de tempadas estaba claro que o que había en mente, tendo en conta as xogadoras que iamos conformar o primeiro equipo, sabía que moi probablemente O Val ía quedar nunha moi boa posición na táboa. O ano pasado, sendo sincera, levamos un gran chasco na fase de ascenso xa que vendo como estiveramos toda a tempada creo que o máis xusto fose chegar polo menos á final da fase de ascenso, pero o fútbol é o que ten, ás veces por accións moi concretas o marcador non reflicte os 90 minutos dun partido. Este ano ao non haber fase, non sentes tanto esa presión de 90 minutos e sabía que podiamos estar arriba na clasificación.

O teu nivel no terreo de xogo non ten teito. Cal é o segredo de que cada tempada te superes?
Pois direiche que son unha persoa moi competitiva desde que son pequena, nunca me gustou perder a nada. Creo que esta competitividade fai que me tome calquera exercicio que faga moi seria e tentando non deixarme nada. Procuro tamén non faltar nunca a adestrar e coidarme un pouco a verdade, xa non son unha nena! De todos os xeitos rodearte de xente á que lle encanta o fútbol como a min fai que todo sexa máis fácil en todos os aspectos.

Foto: Sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucho: “A clave é a confianza”

O centrocampista de corte defensivo do Galicia de Mugardos, Luis Dopico Martínez (Ferrol, 2003), coñecido como Lucho, formouse nas categorías inferiores do Racing e tras