Fisterra é, dende hai décadas, un dos bastións do talento futbolístico da Costa da Morte. Berce de sonos de moitos xogadores que chegaron a ser profesionais.
O último, un veciño de San Martiño que está na primeira división alemá. Iso si, practica outro tipo de fútbol, ese que ten quaterbacks, runners e que leva por apelido: “americano”.
Ata nese tipo de fútbol, tan afastado das nosas orixes, temos triunfando a un “costeiro”. Trátase de Cristian Santos Insua (Mannheim, 1999), de avós e pais fisterráns e obrigados a emigrar a Alemaña. Xoga como Running back no Frankfurt Universe, equipo da German Football League, primeira división do país e a mellor liga de toda Europa. “Estaba buscando algo novo e aos 18 anos probei o fútbol americano. Dende o primeiro momento souben que era o meu”, di Santos, que xa practicara antes natación, tenis de mesa, breakdance ou salto acuático.
Xa é profesional, aínda que é consciente da situación real do deporte: “Non se pode vivir disto en Alemaña, aínda que gañas diñeiro. Para poder vivir del tes que irte a EEUU, pero aínda hai moita diferencia entre o noso nivel e o seu”. De todas formas, falamos dun dos deportes que máis está crecendo en Europa e España, onde xa temos liga e selección.