O domingo día 5 de setembro a partir das 16:00 horas no campo de Billarda de Nantes, en Sanxenxo, xogáronse as finais feminina e absoluta que en agosto non se puideron disputar por culpa da choiva.
Nesta ocasión o tempo trouxo un día de moita calor e con algúns momentos de brisa fresca. Antes de comezar coas finais, gozouse dun bo xantar de confraternidade no que non faltaron as risas, o bo ambiente e intercambiar relatos, historias e anécdotas.
A primeira final foi a feminina cun total de 15 finalistas (11 da Conferencia Rías Baixas e 4 da Conferencia Noroeste) divididas en dous grupos para disputar a primeira fase. As participantes clasificadas para a fase final foron Tania, Marisa, Antía e Mónica do grupo «A» e Adriana, Lu, María Caride e Elena do grupo «B».
Os cruces emparellaron a Tania contra Elena e Lu contra Antía por unha banda, mentres que doutra banda sería Adriana contra Mónica e Marisa contra María Caride. Nesta eliminatoria saíron vencedoras Elena, Lu, Adriana e María Caride e xogarían entre elas a rolda final, da cal Lu de Lúa de Forza de Sanxenxo proclamouse campioa da categoría feminina, quedando Adriana de Valpaços Terra Quente de Vigo na segunda posición e María Caride de Gharaboto de Marín no terceiro posto.
Logo da final feminina, tivo lugar a final absoluta na que participaron 31 palanadores e 1 palanadora repartidos en 4 grupos na primeira fase da final e na que os 4 primeiros de cada grupo pasaría á seguinte rolda. Do grupo «A» clasificáronse Eladio, Charri, Xulio e Martín, no grupo «B» foron Collazo, Piru, Che e Tania, no grupo «C» os vencedores foron Luís Gon, Charli, Xan e Xián e no grupo «D» foron Iván, Daniel, Óscar Ponte e Juan Carlos.
A rolda da eliminatoria emparellou dunha banda a Eladio contra Juan Carlos, Piru contra Xan, Charri contra Óscar Ponte e Collazo contra Xián, mentres que doutra banda foron Luís Gon contra Tania, Daniel contra Xulio, Charli contra Che e Iván contra Martín. Os vencedores desta rolda foron Eladio, Tania, Collazo e Iván. Os cuartos de final enfrontaron a Xan contra Eladio, Charri contra Collazo, Tania contra Daniel e Charli contra Iván, resultando vencedores Xan, Collazo, Tania e Iván. Finalmente, o vencedor da categoría absoluta foi Xan de Lúa de Forza de Sanxenxo, o segundo posto foi para Iván da APB A Laracha e o terceiro posto para Tania de Valpaços Terra Quente de Vigo.
Rematadas as finais feminina e absoluta, tamén se entregaron os trofeos da categoría de varados con Juanchi de Lúa de Forza de Sanxenxo como campión, Juan Carlos do Campo da Feira de Paiosaco no segundo posto e Che do Rinoceronte de Pontevedra no terceiro posto, e da categoría por equipos, co Lúa de Forza como o equipo vencedor, O Campo da Feira como subcampión e o Rinoceronte no terceiro posto.