O Pavillón da Malata vibrou como nunca noutra noite máxica europea do Baxi Ferrol, na que as guerreiras esnaquizaron ao Lyon endosando unha renda de 31 puntos de vantaxe no encontro de ida das semis da EuroCup Women co resultado de 93-62 e que deixa a un paso da gran final ao conxunto dirixido por Lino López.
Unha vez máis as chamas dun Pavillón da Malata a rebordar recibiron ao Baxi Ferrol para outra noite europea con motivo das semis da Eurocup Women, coas ferrolás enfrontándose ao Asvel Lyon. Tras unha espectacular presentación das xogadoras, Lino López apostou polo seu quinteto formado por Àngela Mataix, Julie Pospisilova, Gala Mestres, Moira Joiner e Claire Melia, mentres que o técnico Yoann Cabioch decidiuse por Juste Jocyte, Francesca Pasa, Laura Quevedo, Ainhoa Risacher e Dominique Malonga.
Entrou moi frío o Baxi Ferrol, moi fallón en ataque os primeiros minutos de partido e incapaz de frear ás torres do Lyon, provocando o primeiro tempo morto aos tres minutos de xogo tras un parcial de 0-9. Tras renovarse o xogo, Claire Melia botábase ao equipo ás súas costas e metía a primeira das locais, convertendo posteriormente un triplo e outra canastra tras xogar ben baixo o aro. O Baxi rexurdía como o ave fénix e aumentaba a súa intensidade defensiva, remontando co paso dos minutos ata que Àngela Mataix e Julie Pospisilova pechaban o primeiro cuarto cun 24-19.
No segundo cuarto as de Lino López saíron moi enchufadas levantadas por un público que veu arriba e que convertían o pavillón nunha auténtica pota a presión que producía efecto sobre as francesas. Conseguían as locais abrir unha lixeira brecha no electrónico marchándose e que ía agravándose co paso dos minutos ata lograr unha renda de 14 puntos de vantaxe. O Lyon quería que o partido non se lle escapase e protagonizaba unha tímida reacción, pero o conxunto ferrolán non estaba disposto a conceder sustos antes de marcharse aos vestiarios e cun novo recital ofensivo acompañado da intensidade defensiva que caracteriza a este equipo, non só impediu que recortasen as rivais, senón que se marcharon a +19 para selar o resultado no segundo acto por 49-30 con Claire Melia con 14 puntos na súa conta persoal polos 13 da principal ameaza das francesas, Dominique Malonga.
O terceiro cuarto comezaba con Gala Mestres capturando un rebote defensivo seguido de dous de dous para Claire Melia desde a liña de tiros libres. A irlandesa volvía levantar a todos da cadeira tras subir o balón demostrando a súa gran habilidade e meter unha gran canastra ante Malonga. Estaban a ser uns minutos de moita efectividade por parte dos dous conxuntos, pero o Baxi apertaba de novo e levaba o partido ata os +25 de vantaxe para obrigar a Yoann Cabioch a solicitar un tempo morto para tratar de cortar o ritmo das de Lino López. As guerreiras seguían espectaculares e non deixaban achegarse ao Lyon, finalizando o penúltimo cuarto cun contundente 72-46.
O ultimo acto iniciábase cunha canastra de Harris para as visitantes ao que respondía Noa Morro anotando un dos dous tiros libres. O Baxi buscaba manter, como mínimo, esta boa renda para o encontro de volta, pero o Lyon non quería poñer as cousas tan sinxelas e comezaba a mostrarse moi efectivo para a canastra. O conxunto ferrolán aceptaba o duelo e o partido convertíase nun festival de anotación en ambos os lados da cancha, mantendo a vantaxe de +26 a falta de catro minutos para terminar o encontro. O Baxi non cedeu terreo e cunha espectacular actuación de todo o equipo, pecharon o partido por 93-62 con canastra de Claire Melia sobre a bucina.
O Baxi Ferrol deixou moi encarrilada a eliminatoria cunha vantaxe de 31 puntos para o encontro de volta en terras francesas noutra noite máxica ante un Pavillón da Malata completamente abarrotado e que non abandonaron os seus asentos tras finalizar o partido para aplaudir a unhas xogadoras e a un equipo que está a facer historia. O conxunto ferrolán terá o vindeiro xoves o encontro de volta no Palais des Sports Gerland ás 20:00 horas.
Foto: sadmoody241
RESULTADO: Baxi Ferrol 93-62 Asvel Lyon
BAXI FERROL: Àngela Mataix (14), Julie Pospisilova (13), Gala Mestres (9), Moira Joiner (8) e Claire Melia (27); Alba Sánchez-Ramos (2), Blanca Millán (18), Noa Morro (2), Carlota Menéndez (0), Jori Davis (-) e Elena Baldonedo (-).
ASVEL LYON: Juste Jocyte (6), Francesca Pasa (2), Laura Quevedo (3), Ainhoa Risacher (11) e Dominique Malonga (17); Dayshanette Harris (15), Julie Wojta (5), Kekelly Elenga (3), Tea Cleante (0), Soana Lucet (-) e Justine Mouyokolo (-).
CUARTOS: 24-19; 49-30 (25-11); 72-46 (23-16); 93-62 (21-16).
ÁRBITROS: Silvia Marziali, Ivana Ivanovic e Nikolaos Tziopanos. Sinalaron 34 faltas, 18 a favor do Baxi Ferrol e 16 en contra.
INCIDENCIAS: Partido de ida das semifinais da EuroCup Women celebrado no Pavillón de A Malata.