O Baxi Ferrol protagonizou outra noite máxica tras meterse en semifinais de EuroCup Women ao eliminar ao Dinamo Sassari, vencendo no encontro de volta por 89-70 e medirase a un Asvel de Lyon que superou ao outro representante español, o Spar Girona.
O Pavillón da Malata luciu máis que nunca cunha bancada completamente a rebentar para recibir ás guerreiras do conxunto ferrolán ao grande, cunha presentación digna das mellores galas da NBA grazas aos quemadores de gas e un xogo de luces que iluminaba a cada unha das xogadoras mentres eran presentadas por megafonía acompañadas dun sonoro aplauso. E baixo este escenario, o Baxi é imparable, quitouse o disfrace de cordeiro para ensinar os dentes do lobo e arrasar a un rival con outro +19 como na ida, e como diría o gran Andrés Montes, benvidos ao voo número 10 de Aerolíneas Mataix, xa que a capitá asinou outra gran noite como MVP con 26 de valoración.
Formaba Lino López o seu quinteto con por Àngela Mataix, Julie Pospisilova, Gala Mestres, Moira Joiner e Claire Melia, mentres que as italianas saíron con Shaylee Gonzales, Debora Carangelo, Sara Toffolo, Sparkle Taylor e Umo Diallo. O conxunto ferrolán quería facer bo o resultado da ida no que endosaron unha renda favorable de 19 puntos, anotando a primeira canastra do encontro Àngela Mataix. O Sassari respondía pronto e a partir de aí os dous equipos intercambiaban canastras en cada lado da cancha ata o ecuador do primeiro acto no que as visitantes comezaban a dominar o electrónico e co paso dos minutos, lideradas por Taylor, que era a principal ameaza para as de Lino López, chegaron a obter unha vantaxe de 8 puntos arriba. O Baxi apertaba nos últimos minutos para finalmente acabar o cuarto un abaixo co resultado de 22-23.
O segundo cuarto iniciou como o anterior, anotando a primeira o Baxi con Julie Pospisilova encestando uno dos dous tiros libres que lanzou. De novo, o encontro estaba moi parello no primeiros cinco minutos, pero outra vez as italianas tomarían a vantaxe aproveitando un mal momento anotador das ferrolás para escaparse no marcador 7 puntos a falta de dous minutos para o descanso. Un triplo de Natali e posteriormente outra canastra da mesma xogadora decantaba o segundo acto a favor das italianas por 36-47.
Veulle moi ben o descanso ao Baxi, pois tras saír de vestiarios comezou o terceiro cuarto con dous triplos consecutivos de Moira Joiner para poñer un 6-0 en menos dun minuto. As de Lino López estaban a ser un vendaval para as rivais e a falta de pouco menos de catro minutos para o final do período, endosaban un parcial de 12-0 que as poñían cinco arriba e practicamente disipaba todo simulacro de remontada por parte das italianas. O Baxi mantería está renda de puntos de vantaxe ata o final do penúltimo acto, quedando 64-59.
O Baxi iniciou o último cuarto con dous de dous para Davis desde a liña de tiros libres, seguido doutros +2 para Àngela Mataix e Carlota Menéndez para poñer un parcial de 6-0. O Pavillón da Malata vibraba coas súas e o Baxi poñía a quinta marcha á que nos ten afeitos esta tempada para ser unha auténtica apisoadora, deixan do un +13 arriba a falta de menos de catro minutos para o final. O público veu arriba cando a falta dun minuto Lino deu entrada á canteirá Elena Baldonedo, que levou unha sonora ovación, e máis aínda cando lograba meter os seus dous primeiros puntos europeos desde a liña de tiros libres cos que selaría o partido por 89-70, volvendo meter outros 19 de vantaxe como na ida.
O Baxi meteuse nunha histórica semifinal da EuroCup Women na que se medirá ao Asvel de Lyon, que fixo o propio eliminando ao outro conxunto español, o Spar girona. As ferrolás xogarán a ida en casa o xoves 6 de marzo e a volta o 13.
Foto: sadmoody241
RESULTADO: Baxi Ferrol 89-70 Dinamo Sassari
BAXI FERROL: Àngela Mataix (19), Julie Pospisilova (15), Gala Mestres (7), Moira Joiner (11) e Claire Melia (9); Alba Sánchez-Ramos (3), Blanca Millán (6), Noa Morro (6), Elena Baldonedo (2), Carlota Menéndez (4) e Jori Davis (7).
DINAMO SASSARI: Shaylee Gonzales (17), Debora Carangelo (0), Sara Toffolo (7), Sparkle Taylor (26) e Umo Diallo (6); Begic (4), Giulia Natali (8), Chiara Grattini (2) e Trampana (0).
CUARTOS: 22-23; 36-47 (14_24); 64-59 (28-12); 89-70 (25-11).
ÁRBITROS: Cisil Güngör, Nikola Bejat e Vensislav Velikov. Sinalaron 19 faltas a favor do Baxi e 16 en contra.
INCIDENCIAS: Partido de volta dos cuartos da EuroCup Women celebrado no Pavillón de A Malata ante 3.598 afeccionados.