A Escola de Fútbol Concello de Camariñas – Juan Cabrejo, en Camariñas, é unha gran realidade. Desde o pasado mes de agosto que comezou a actividade ata a actualidade preto dun centenar de deportistas forman parte deste proxecto.
Os nenos, de idades entre os 4 e os 13 anos, competirán en cinco categorías: biberón, prebenxamín, benxamín, alevín e infantil. Esas formacións participarán ao longo da presente campaña 2021-2022 nas ligas organizadas pola Real Federación Galega de Fútbol.
Nesta pretemporada, as diferentes formacións disputaron unha serie de encontros amigables por distintos puntos da Costa da Morte. O director da Escola é o exfutbolista profesional Juan Cabrejo Pasantes. Con el están José Manuel Bouzas García “Pepucho”, Carlos González Pasantes, Iván Pouse, Adrián Lema, Juan Cabrejo pai e Juan Porrúa, que será o responsable dos porteiros.
Os adestramentos, por grupos, son cada semana os martes e os xoves, de 17.00 a 20.30 horas, no campo municipal Irmás Patiño, de Camariñas. No pistoletazo de saída acudiron ao recinto deportivo a alcaldesa Sandra Insua Rial e o concelleiro de Deportes Fabián Canosa, xa que o Concello de Camariñas está moi implicado na boa marcha desta nova iniciativa deportiva.