Por novena vez, San Sadurniño repetiu a súa carreira popular anual organizada polo concello e con saída e chegada na Finca A Cortiña cun circuíto dun máximo de cinco quilómetros para a proba absoluta.
Nesta edición, os máis veloces da proba foron os integrantes do Atletismo Narón e do Opa Ferrol Team Running, Esteban Díaz e Helena Peñas respectivamente, que suceden así aos campións da carreira do ano pasado, Jonathan Fernández e Andrea Díaz.
Esteban Díaz, que cruzou a meta cun tempo de 15:57, impúxose lixeiramente ao atleta da AD Naútico Narón, Jonathan Fernández (16:02), e do Pasa ou Entorna, Fernando Lorenzo (16:07). Por parte das mulleres, Helena Peñas logrou unha gran marca con 19:07 e venceu con claridade á súa inmediata perseguidora, a integrante de Atletas de Acea de Ama, María Isabel González (20:46), e a participante independente Miriam Tojeiro (20:54).