A Malata foi escenario dunha gran noite onde Galicia selou o seu billete á Final Four da Copa das Rexións UEFA cunha vitoria incontestable por 3-0 ante o combinado asturiano.
Os primeiros compases do duelo foron de tenteo entre as dúas escuadras, aínda que co paso dos minutos, o conxunto asturiano mordía máis arriba, tratando de presionar a saída dos galegos, aínda que sen inquietar o arco defendido por Ayoub. Aos poucos, os de Manolo García fóronse sacudindo esas dúbidas iniciais e comezaron a apertar, chegando ás inmediacións da área visitante, pero o marcador permanecía inamovible. Foi superado o ecuador cando o público local puido cantar o primeiro tanto da chuviosa tarde. Todo comezou cun córner dos visitantes que Ayoub atallaba en dous tempos. Vía a carreira por banda de Lombao e poñíalle un saque longo moi medido para que preto da liña de fondo, colgase un centro ao corazón da área, onde Lucas Camba executaba un soberbio croque que poñía o balón no pau afastado de Ángel Domínguez, adiantando aos galegos.
O tanto animaba o partido, buscando os galegos o segundo e os asturianos a igualada. Precisamente, os de Clemente Sánchez estiveron a piques de logralo nun saque de esquina preto do final do primeiro tempo, que remataba Uche e íase cara adentro, pero o colexiado invalidaba o tanto por fóra de xogo. O marcador non se volvería a mover e os equipos retiraríanse do céspede coa vitoria pola mínima dos galegos.
A segunda parte comezou cos de Manolo García moito mellor sobre o céspede, sen pensar en conservar o tanto, valentes en busca do segundo. A presión local encerraba aos asturianos no seu propio campo e as ocasións comezaban a chegar, ata que finalmente Adrián Lombao poñía o segundo no electrónico aos vinte minutos do segundo asalto nunha xogada individual que finalizaba cun disparo desde a frontal da área e que se coaba axustado ao pau. Sen apenas tempo para celebrar este tanto, chegaría o terceiro, esta vez con Juan Cambón como protagonista tras aproveitar un erro defensivo e unha mala saída do gardameta, o dianteiro do Somozas era o máis listo da clase e levaba o rexeite, marcando a porta baleira.
Galicia estaba a ser moi superior ao combinado asturiano e a Malata gozaba da goleada local. Os de Manolo García non baixaban o ritmo e seguían buscando incrementar a renda ante un rival que non inquietaba a área rival. A pesar das oportunidades, o marcador non volvería sufrir cambios e Galicia levaría a vitoria por 3-0, sendo unha das seleccións que estarán na fase final.
Foto: sadmoody241




