A gran primeira parte de O Parrulo non tivo premio tras caer por 4-5 ante o Jaén nunha noite na que Gonzalo foi expulsado por dobre cartón amarelo moi discutido e un dobre penalti nos últimos segundos do encontro.
O Parrulo volveu vestirse de curto no primeiro partido do 2026 ante a súa afección para recibir ao Jaén Paraíso Interior na 16ª xornada da elite do fútbol sala nacional, nun día no que entraba na convocatoria a última incorporación do conxunto da cidade naval, Malaguti. Para este encontro, Gerard Casas escollía aos seus cinco guerreiros para formar o quinteto titular con Starna, Diogo, Novoa, Vukmir e Gonzalo, mentres que Dani Rodríguez saía con Dudu, Joao Salla, Michel, Bynho e Alan Brandi.
Empezou moi movido o partido, co equipo ferrolán abrindo moi pronto a lata nunha xogada de lousa, con Rubén Orzáez sacando unha falta e Penezio empuxando, tras control previo, no segundo pau. Pero os andaluces non tardarían en empatar, pois na seguinte xogada e tamén nun lanzamento de falta directa, Joao Salla poñía as táboas. O partido era unha tolemia e sen apenas tempo para dixerir o empate, os de Gerard Casas volvían adiantarse no electrónico tras un auténtico golazo de Gonzalo, que tras aguantar a pelota, revolvíase e sacaba un lategazo directamente á escuadra da meta defendida por Dudu, O tanto ferrolán daba aínda máis ritmo aos locais, que seguían presionando e chegando con máis perigo, e tanto vai o cántaro á fonte, que finalmente volvían bater a Dudu nunha xogada pola banda dereita liderada por Morgato, que se escapaba de Bynho cun bo cambio de ritmo e o seu centro golpeaba en Power e ía directo dentro da portería.
A noite era un festival de goles. Ao verse con dous goles en contra, os andaluces subían a intensidade e comezaban a chegar con perigo á área de Starna e nunha delas, Mati Rosa conseguía recortar a diferenza rematando a pracer no segundo pau. O tanto daba ás aos visitantes, que seguían avisando e Starna tiña que salvar os mobles detendo un man a man a Power. Pero ían ser os da cidade departamental os que volvesen atopar co gol e novamente a balón parado, nesta ocasión sendo Novoa o executor da falta que acabaría dentro da portería de Dudu tras un forte disparo por raso.
O encontro apenas chegara ao ecuador e xa habían cinco goles no marcador. Os dous equipos seguían sen notar o cansazo nas pernas, moi activos en defensa e en ataque. Os de Dani Rodríguez tiveron dúas oportunidades moi claras de Esteban, pero en ambas as ocasións Starna fíxose grande para salvar o tanto andaluz. Co paso dos minutos, os visitantes, con dous goles abaixo, íanse facendo co control do xogo ante un O Parrulo que trataba de manter a vantaxe e castigar nalgunha contra. Os decibeis subirían no Pavillón tras a polémica expulsión de Gonzalo ao ver a segunda tarxeta amarela, e os andaluces aproveitaban a superioridade numérica para recortar distancias co tanto de Dani Zurdo. O partido estaba a caldearse coas decisións arbitrais e a tensión que se vivía dentro da cancha, pero o marcador non se movería máis e os equipos tomarían rumbo aos vestiarios.
O segundo tempo comezou con moita intensidade por parte de ambas as escuadras, pero ían ser os visitantes os que igualasen a contenda con outro saque de falta directo que executou por raso Eloy Rojas. Os andaluces tiveron outra boa na seguinte xogada para poñerse por diante, pero o balón golpeaba no pau. Acto seguido, Penezio tiña outra, pero o seu disparo marchábase por moi pouco. O tanto deixaba tocado ao Parrulo, que vía como o seu rival íase facendo co dominio do balón e chegaba con máis claridade ás inmediacións do arco defendido por Starna. Precisamente, o meta arxentino sacou unha boa, rexeitando o balón ao traveseiro e ao pau. O Parrulo respondeu rápido cunha boa contra, pero o disparo de Novoa marchábase rozando o pau. Pero o destino foi cruel cos ferroláns, que a falta de pouco máis de 40 segundos para o termo do encontro, os colexiados sinalaban dobre penalti tras revisalo e Joao Salla non perdoaba para poñer o 4-5. O Parrulo quedaba sen premio tras un gran primeiro tempo no que puxo contra as cordas a un dos pesos pesados da tempada nunha xornada non exenta de moita polémica arbitral e de moita tensión mesmo ao termo do partido.
O PARRULO: Starna, Diogo, Novoa, Vukmir e Gonzalo; tamén xogaron Iván Rumbo, Morgato, Jhoy, Malaguti, Turbi, Rubén Orzáez e Penezio.
JAÉN PARAÍSO INTERIOR: Dudu, Joao Salla, Michel, Bynho e Alan Brandi; tamén xogaron Espíndola, Power, Esteban, Dani Zurdo, Eloy Rojas, Lemine, Mareco e Mati Rosa.
GOLES: 1-0 Penezio (1′), 1-1 Joao Salla (1′), 2-1 Gonzalo (2′), 3-1 Power (4′ en propia), 3-2 Mati Rosa (3-2), 4-2 Novoa (8′), 4-3 Dani Zurdo (16′), 4-4 Eloy Rojas (24′) e 4-5 Joao Salla (39′ de dobre penalti).
ÁRBITROS: José Javier Cidoncha, Sergio Salomé, Javier Menéndez (árbitro 3) e Berta García (cronometradora). Expulsaron ao local Gonzalo por dobre cartón amarelo e amoestaron a Novoa, Vukmir, Rubén Orzáez, Gerard Casas (adestrador), Pedro Dopico (staff) e Carlos Díaz (staff) e aos visitantes Power, Lemine, Dani Zurdo, Alan Brandi, Mareco e Michel.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 16ª xornada da Primeira División de Fútbol Sala celebrada no Pavillón A Malata.
Foto: sadmoody241




