Gerard Casas: “Imos tentar competir cada partido”

O adestrador Gerard Casas Ullastre (Barcelona, 1989) foi un dos artífices da gran tempada de O Parrulo. O técnico catalán chegaba o pasado verán do equipo malasio do Pahang Ranger, onde acadou a liga e a copa, tras pasar por clubs como o Olympic Foresta de “San Cugat del Vallés”, o Al Arabi de Kuwait no sub-19 e asistente do primeiro equipo, e tamén como adestrador asistente do combinado de Libia.

É un técnico que achega xuventude, carácter a pé de pista, amante do bo fútbol sala e moi traballador, cunha gran capacidade para xestionar grupos, o que resulta en vestiarios moi sans e ao cabo, en obter resultados moi positivos.

Cales foron as claves da gran tempada pasada?
Son moitas. Para que un equipo funcione e teña resultados hai que facer as cousas ben. O persoal era moi novo e moi nova, pero con talento, cunha media de idade moi baixa, ademais dun corpo técnico novo. Sabiamos que iamos sufrir, na primeira volta pasámolo bastante mal, pero a clave foi a calidade do traballo diario. Estaba moi contento e gozando do traballo diario aínda estando en descenso. Dicíalle aos xogadores que sería raro non saír do descenso, a dinámica grupal era moi boa e iso axudounos a salvar os momentos complicados. Durante a tempada fomos o equipo que máis evolucionou, o traballo diario axudounos a que a curva fose ascendente e chegar ben ao final de tempada, o equipo non chegou desgastado a un final de tempada larguísimo, tras case once meses de traballo.

Que obxectivos vos marcades para esta campaña 2025/26?
Para esta nova tempada marcámonos a salvación. Imos tentar competir cada partido, non podemos dar partidos por perdidos, porque calquera punto pódeche salvar. Hai que estar dentro de todos os partidos que poidamos e tentar rascar todo o que se poida. A Malata vai ser decisiva e moi necesaria. Estou seguro que o público vai responder e oxalá a teñamos moi bonita cada dúas semanas, van facer falta e sen sumar en casa vai ser difícil conseguilo.

Que che parecen os reforzos?
Estou moi contento cos xogadores que fichamos, cun orzamento moitísimo máis baixo que o resto de equipos en Primeira, esa é a realidade e ponnos as cousas moi difíciles e ir a mercados diferentes ou a xogadores que rescinden contrato. Estou convencido de que todos os xogadores van axudar a conseguir o obxectivo.

Que che parece a vida en Ferrol?
Son dunha gran cidade como Barcelona, na que paras nun semáforo cada 50 metros e é difícil ir en coche. En Ferrol a vida é moi tranquila. Eu vivo en Narón e chego á Malata en sete minutos e non paro nin unha soa vez nun semáforo, iso é calidade de vida, como tamén podo pasear coa cadela tranquilamente. É unha moi boa cidade, con boas condicións para traballar tranquilos, para que os xogadores estean centrados no seu traballo no día a día no pavillón ou ximnasio para poder adaptarnos e ser flexibles. O que máis me gusta de Ferrol é que a súa xente é moi apaixonada co deporte. Nós vivímolo na nosa pel, vímolo co Baxi e tamén o sucedido nos dous anos anteriores co Racing de Ferrol. A xente de Ferrol é moi de Ferrol e gústalle moito o deporte, con instalacións deportivas de todo tipo, o que axuda aos clubs.

Como xurdiu a túa vocación como adestrador?
Con sete meses de vida teño unha fotografía no Palau Blaugrana nos brazos da miña nai, vendo un partido do meu pai, que era o segundo adestrador do Barça de fútbol sala e logo foi adestrador do filial, como antes xogara en División de Honra, vénme diso claramente. Como xogador era moi pesado, falaba moito, fun capitán en case todos os equipos da base, gustábame liderar, preguntáballes moito aos adestradores sobre tácticas, estratexias ou metodoloxía. O adestrador que máis me marcou como xogador foi Sito Rivera en Vilasar. Fun ata alí á mantenta en Segunda División “B” só porque estaba el e foi a primeira vez que vin a un adestrador con dinámica profesional, con vídeos de scouting dos nosos adestramentos e partidos. Falaba moito con el, é unha persoa á que lle estou moi agradecido. Esa tempada en Vilasar e o que vin en casa co meu pai axudoume a acender a lámpada.

Fotos: Sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Álex Varela: “Reforzámonos ben”

Desde a ambición competitiva e o instinto goleador emerxe Alejandro Varela Maceiras (Miño, 1998), coñecido como Álex Varela. Mediapunta de formación e dianteiro por determinación,

Artai: “Somos unha piña”

O atacante Artai Miraz Casal (Ferrol, 1997) é vertixe e determinación ao servizo do Meirás, onde afronta a súa segunda tempada. Formouse no Racing desde