O proxecto de baloncesto Hoops 3×3 dá un paso adiante na súa consolidación tras alcanzar un acordo de colaboración co Concello de Pontedeume. Como anunciaron recentemente nas súas redes sociais, a asociación deportiva trasladouse oficialmente a Pontedeume, onde establecerá a súa razón social e pasará a denominarse oficialmente Hoops Eume 3×3, reforzando así o seu compromiso coa contorna local.
O acordo contempla a colaboración activa no desenvolvemento das actividades deportivas de verán, nas que o equipo ten previsto organizar varios eventos competitivos e de promoción do baloncesto 3×3, ademais de sentar as bases para a creación de futuros eventos deportivos conxuntos no municipio.
“Estamos moi contentos de asentarnos en Pontedeume. O apoio dun concello como este facilita moitísimo levar a cabo todo o que nos expomos”, afirma Brais Romero, un dos fundadores do club. “Este acordo non só dános estabilidade, senón que tamén nos impulsa a seguir crecendo como proxecto deportivo e comunitario”.
Con esta nova etapa, Hoops Eume 3×3 reafirma a súa aposta polo deporte e a dinamización local, utilizando o baloncesto como ferramenta de participación, formación e cohesión social.
Foto: Sadmoody241




