Pontedeume lanza o «Circuíto 3×3 Eume», unha aposta estival polo baloncesto urbano

O evento percorrerá catro venres de xullo e finalizará cunha gran cita en agosto. Haberá premios, concursos e actividades para todos os públicos.

Pontedeume, xunto a Hoops 3×3, súmase este verán ao auxe do baloncesto 3×3 co lanzamento do Circuíto 3×3 Eume, unha competición aberta a xogadores e xogadoras da comarca que se disputará durante os venres de xullo e culminará cunha gran final os días 15 e 16 de agosto.

O circuíto contará con categorías U13 mixta, U15 e Sénior, tanto masculina como feminina, e estrutúrase en catro xornadas clasificatorias:

Venres 4 de xullo: categoría Sénior
Venres 11 de xullo: categorías U13 mixta e U15
Venres 18 de xullo: categoría Sénior
Venres 25 de xullo: categorías U13 mixta e U15

As mellores clasificacións destas sedes darán acceso á gran final en agosto, onde se repartirán premios económicos, material deportivo, e organizaranse concursos, sorteos e máis sorpresas para xogadores e asistentes.

Ademais, unha das novidades destacadas desta edición é que as puntuacións obtidas no Circuíto 3×3 Eume sumaranse á clasificación oficial do Circuíto Galego 3×3, o que permite aos participantes formar parte do ecosistema competitivo autonómico e escalar posicións no panorama galego.

«A nivel organizativo estamos a ter moito apoio. Aos xogadores e xogadoras da zona interésalles unha competición estival sen grandes compromisos, e o 3×3 FIBA está a crecer moito en España. Queremos que o proben, coñezan as súas normas e engánchense», comenta Isma Fernández, un dos fundadores do proxecto Hoops, organizador do evento.

Ademais do carácter deportivo, o Circuíto 3×3 Eume busca fortalecer o tecido social e deportivo local. Por iso, a organización está actualmente en procura activa de colaboradores, tanto económicos como en especie, que desexen apoiar a estrutura do circuíto ou as actividades previstas para o verán. “Estamos abertos a calquera proposta de colaboración, queremos que isto sexa un proxecto compartido por toda a comunidade”, sinalan desde a organización.

Toda a información do circuíto está a publicarse a través das súas redes sociais oficiais, onde tamén se anunciará nos próximos días a apertura de inscricións para a primeira sede.

Máis información: somoshoops3x3@gmail.com

Imaxe: Hoops Eume

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas