O escolta Martín Cobelo Carrasco (Ferrol, 2000), coñecido como Tini Cobelo, formouse no Colexio Tirso de Molina antes de dar o salto á categoría júnior do BBCA e posteriormente xogar no primeiro equipo ata a data, perdéndose a tempada 2022/23 por estudiar fóra.
Como estás a ver o nivel da liga?
Como sempre a 1ª División Masculina ofrece unha alta competitividade e se non estás á altura fancho pagar. Esta tempada non comezou da mellor maneira, encadeando varias derrotas consecutivas, pero o equipo soubo recompoñerse e conseguiu meterse na segunda fase cunha segunda volta moi sólida. Nestes momentos atopámonos na recta final desa segunda fase e o equipo atópase nunha boa posición para pelexar unha das catro prazas que darán dereito á loita polo ascenso.
Como evolucionou o BBCA nas últimas tempadas?
A nivel estrutural o club creceu exponencialmente, multiplicando o número de licenzas e realizando un gran traballo na canteira. A nivel persoal, gústame destacar o papel da sección feminina do club, moitos anos formando xogadoras de moito nivel e froito dese bo traballo converteuse nun dos clubs máis importantes de Galicia nese sentido.
Que compañeiros son os que máis che sorprenderon polo seu nivel?
Máis aló do talento de moitos dos compañeiros que tiven ao longo destes anos, quedo sen dúbida coa calidade humana, podo considerar á gran maioría de compañeiros como amigos fóra da pista e esa complicidade nótase despois dentro dela para conseguir os obxectivos. No BBCA somos unha pequena gran familia.
Da túa carreira deportiva, que momentos te traen mellores recordos?
No deporte sempre se perde máis do que se gaña, o máis importante é o camiño, o traballo día a día. Recordo con gran agarimo os partidos no Tirso, tras eles, saíamos a tomar un refresco todos xuntos nun bar próximo. E por suposto, aquela tempada en Liga EBA co BBCA, que aínda que a época COVID impediunos gozar ao máximo, lémbroa como unha gran experiencia.
Que rutinas segues para manter un gran nivel cada campaña?
O máis importante é a paixón, tomarse cada adestramento e cada partido con ganas e boa actitude. Un tema clave tamén é o descanso, unha parte algo esquecida polo deportista, pero que pode ser a diferenza, desconectar en certos momentos, aproveitando as vacacións para gozar doutros hobbies como a lectura ou a música.
Foto: Sadmoody241