Un dos grandes talentos do Escola Lubiáns é Hugo Naveira Santos (A Coruña, 2003), que esta tempada cumpriu a súa terceira campaña no club tras comezar a súa traxectoria no seu colexio, Santa María, e dar o salto profesional ao Liceo.
Como foron os teus inicios no mundo do hockey?
Pois empecei con 5 anos en Santa María del Mar, máis como actividade extraescolar que como deporte, pero ao final gustoume tanto que quedei e ata o de agora.
Xogaches en Santa María, Liceo e Lubiáns. Que destacarías de cada un deles?
En Santa María a verdade que destaco o bonito dos inicios, ademais é un colexio, non un club, e xogamos os amigos do cole e destaco tamén a Cancela, o meu adestrador, ao que lle teño un agarimo especial. Do Liceo destaco o gran equipo que fixemos e a oportunidade de gañar un sector e chegar ao campionato de España, que son experiencias que non esquecerei. E ao Lubiáns, as grazas por confiar en min e permitirme demostrar o que vallo na Hockey Bronce.
É a túa terceira tempada no equipo carballés. Como están a ser estes anos?
A verdade é que houbo altos e baixos, pero en xeral, moi bonitos, e a verdade é que o grupo que conseguimos é moi bo e xunta á perfección experiencia e mocidade.
Quen é o teu maior referente?
Como referente nunca tiven un claro, pero se tivese que destacar un, sería Alabart, e gústame moito tamén o estilo de Eloi Cervera, aínda que é verdade que é moi novo aínda.
Como estás a ver a tempada?
Creo que está a ser unha gran tempada e estamos a xogar un hockey moi bo. Gustaríanos conseguir o ascenso directo, pero aínda así non o vemos como unha derrota e imos ao playoff con ganas de conseguir o ascenso a prata por segunda vez en tres anos.
Foto: fotoschimpi