I TRAIL COSTA ÁRTABRA: Participarán máis de 200 persoas

Un total de 225 persoas participarán este domingo, día 18, nas probas do “I Trail Costa Ártabra” organizado pola Asociación Deportiva e Cultural Bombeiros Narón e a Asociación 21 Leguas en colaboración cos concellos de Narón e Valdoviño.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o edil de Deportes, José Oreona, e o de Mocidade, Pablo Mauriz, estarán entre os participantes nunha das modalidades –a andaina- deste evento deportivo, do que Ferreiro destacou a “excelente acollida”.

No percorrido máis longo do trail, de 24 quilómetros, participarán un total de 82 persoas; no curto, de 16 quilómetros, serán 80 e na andaina, que consta de oito quilómetros, un total de 63, tal e como indicou o presidente da A.D.C. Bombeiros Narón, Luis García. As saídas das tres probas están programadas para as 9.30, as 10.00 e as 9.45 horas, respectivamente.

Os tramos a percorrer discurrirán pola zona da Costa Ártabra, en espazos dos termos municipais de Narón e Valdoviño. Na primeira das localidades o trazado discurrirá por zonas emblemáticas e de gran valor histórico, natural e patrimonial, como a Pena Molexa, o Alto da Lagoa e Pena Lopesa. Os participantes nas tres modalidades sairán dende as inmediacións das instalacións da Asociación Nuestra Señora de Chamorro e a meta estableceuse nas proximidades do local da asociación veciñal “Os Irmandiños”, no Val. Ao remate da proba sortearanse material deportivo e produtos da zona.

Ferreiro felicitou aos organizadores do evento polo traballo realizado para desenvolver esta proba na cidade que representa, indicou “toda unha oportunidade para realizar deporte e tamén para dar a coñecer un pouco máis algúns dos espazos máis característicos de Narón”.

Información: Concello de Narón

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas