O Concello de Narón celebrou o pasado sábado a III Carreira Nocturna Cidade de Narón na que se inscribiron un total de 486 persoas distribuídas nas seguintes categorías: 76 en gazapos (nados 2015-2018), 33 en coelliños (nados 2013-2014), 40 en coellos (2010-2012), 20 en lebres (2006-2009) e 317 en adultos.
Desde as 20:00 da tarde, na Praza de Galicia de Narón, comezaron as carreiras coas categorías gazapos (0,1 km), coelliños (0,45 km) ás 20:15, coellos (0,65 km) ás 20:30, lebres (1,2 km) ás 20:45 e finalmente os adultos (7 km) ás 21:30 horas.
Baixo o ritmo da música por cortesía da organización, multitude de persoas apiñáronse nas inmediacións da Praza de Galicia para gozar dunha noite de deporte e bo tempo.
O nedense Jonathan Fernández, do Pasa ou Entorna, e a aresá Paula Mayobre, da Escola de Atletismo Paula Mayobre, dominaron a proba de adultos en categoría sénior e xeneral, ao lograr tempos de 23:28 e 27:43 respectivamente.
A categoría adulta tamén estaba dividida en veteranos “A”, “B” e “C”. Deste xeito, o campión masculino en veterano “A” foi Fernando Díez, que correu como independente, cun crono de 24:13, en veterano “B” foi Juan González do Tríatlon Ferrol, cun rexistro de 25:31, mentres que en veterano “C” foi Víctor Sande do Clube Atletismo Fene cunha marca de 26:46. En canto á veterana “A” feminina, a campioa foi Ángela Torrente da AD Náutico Narón cun tempo de 30:05, mentres que na categoría “B” a primeira praza foi para Begoña Pacio como independente cun rexistro de 28:41 e a gañadora do grupo veterana “C” foi Loli Señor do Club Beni Gym Sport cunha marca de 35:41.