O Parrulo comezou a súa andaina na Primeira División cunha goleada por 8-3 ao Family Cash Alzira na primeira xornada e entoando o «jogo bonito».
A tempada deu o pistoletazo de saída coa disputa da primeira xornada da máxima categoría nacional e na que O Parrulo estreouse ante a súa afección recibindo ao Family Cash Alzira, o outro equipo que tamén logrou o ascenso a Primeira tras a renuncia á praza por parte do Betis. Para este primeiro duelo, o quinteto de Gerard Casas estivo formado por Mati Starna, Rubén Orzáez, Diogo, David Novoa e Gonzalo Santa Cruz, mentres que Braulio Correal sacou de inicio a Álex Lluch, Darrieer, Ivi, Pablo Ibarra e Yunii.
Saíron os locais moi intensos desde o asubío inicial, presionando alto e con moi boas transicións, chegando ás proximidades da área rival por medio de Diogo e de Novoa, que probaron con disparos afastados, aínda que sen fortuna. Cumprido o primeiro minuto de xogo, o propia Novoa nunha xogada individual adiantaría aos seus tras un cambio de ritmo co que deixou atrás á súa marca e conseguía bater a Lluch por raso. Pero a alegría ía durar moi pouco, pois na posterior xogada dos valencianos, cunha contra liderada por Yunii, poñerían as táboas no marcador co remate final de Pablo.
David Novoa estaba a ser un dos xogadores máis notorios sobre a pista e tivo moi preto o segundo tanto cun disparo raso e cruzado que se estrelaba no poste. Tras esta ocasión, ía ser o Alzira quen golpease novamente cun ataque rápido que finalizaba co remate no segundo pau do capitán Rubi.
O Parrulo estaba a dominar sobre a pista, pero os valencianos demostraban unha enorme pegada nas dúas chegadas sobre a meta defendida por Starna. Pero este dominio e intensidade dos de Gerard Casas atoparían o premio cando nun lanzamento de falta, Gonzalo sacaba e finalizaba Turbi no segundo pau para poñer as táboas no marcador, aínda que non sen incerteza, xa que os colexiados revisarían a xogada antes de conceder o tanto. Este tanto reavivaba os ánimos dos locais, e un par de minutos despois Penezio volvería poñer aos ferroláns por diante tras regatear á súa marcaxe e bater por abaixo a Lluch.
Sen tempo para máis, os primeiros 20 minutos de xogo chegaban ao seu fin nunha primeira parte na que os goles non faltaron á súa cita. O partido estaba a ser en grao sumo igualado, cun Parrulo máis dominador e con máis aproximacións á meta rival, pero cun Alzira que cada vez que chegaba, golpeaba.
O segundo tempo arrincou cos dous equipos moi eléctricos. O Parrulo non baixaba o ritmo do primeiro acto e buscaba un tanto para ampliar a renda e que dese máis tranquilidade, mentres que o Alzira saía máis arriba á presión e moito máis agresivo en busca do empate.
Nos primeiros minutos do encontro, David Novoa, que estaba a ser un auténtico pesadelo para os valencianos, danaríase nunha xogada e retiraríase ao banco visiblemente coxeando, aínda que todo quedaría nun susto. O Parrulo seguía mordendo e Diogo metería o quito da noite tras unha galopada pola banda dereita e que el mesmo finalizaría cun lategazo de lonxe. Sen tempo para dixerir este primeiro tanto do segundo período, os locais volverían mostrar as súas garras cando unha boa xogada colectiva finalizábaa Morgato no segundo pau para poñer o 6-3.
Gerard Casas pedía aos seus continuar coa mesma intensidade e con toda a bancada apoiando aos seus, o sétimo da noite subiu ao marcador con Penezio como protagonista cun gol de bela factura desde a frontal. Os valencianos non renunciaban á remontada e apertaban, tendo dúas ocasións moi claras pero que Mati Starna, sacando a relucir todo o seu repertorio de reflexos, lograba emendar con dúas grandes mans.
O Parrulo estaba a gustarse sobre a pista e protagonizando xogadas de moita calidade, rozando o oitavo tanto tras mover o balón ao primeiro toque e que sacaba na mesma liña Pereira. Sen nada que perder, Braulio Correal sacaba a Cristian como quinto home para tratar de impoñerse na superioridade numérica, pero os ferroláns defendían moi ben os ataques dos visitantes.
Sería novamente O Parrulo quen volvese a levantar á súa afección do asentos cando unha xogada liderada por Novoa rematábaa Jhoy chegando ao segundo pau para poñer o oitavo.
Sen tempo para máis, O Parrulo lograba sumar o primeiros tres puntos na primeira xornada da máxima categoría nacional tras un gran partido dos de Gerard Casas, impoñéndose con autoridade ante o Alzira por 8-3. Na próxima xornada, o conxunto ferrolán volverá medirse ante un equipo valenciano, esta vez visitando ao Servigroup Peñíscola.
O PARRULO: Mati Starna, Rubén Orzáez, Diogo, David Novoa e Gonzalo Santa Cruz; tamén xogaron Iván Rumbo, Jon, Morgato, Jhoy, Turbi, Vukmir e Penezio.
FAMILY CASH ALZIRA: Álex Lluch, Darrieer, Ivi, Pablo Ibarra e Yunii; tamén xogaron Dickson, Cola, Cristian, Rubi, Pablo, Quixeré e Pereira.
GOLES: 1-0 Novoa (1′), 1-1 Pablo (2′), 1-2 Rubi (4′), 2-2 Turbi (11′), 3-2 Penezio (13′), 3-3 Rubi (19′ dobre penalti), 4-3 Novoa (19′), 5-3 Diogo (24′), 6-3 Morgato (26′), 7-3 Penezio (28′) e 8-3 Jhoy (38′).
ÁRBITROS: Sergio Sánchez, Víctor Toca, Manuel Castro (3º) e Berta García (cronometradora). Amoestaron aos locais Diogo, Gonzalo Santa Cruz, Morgato e Pol Cuairan (segundo adestrador), e aos visitantes Dickson, Ivi e Francisco Llorens (staff).
INCIDENCIAS: Primeira xornada da División Fútbol Sala celebrada no Pavillón A Malata.
Foto: sadmoody241




