O mediapunta Javier Antelo López (Camariñas, 1997) é capaz de marcar a diferenza con cada toque de balón.
A súa zurda potente e precisa, letal a balón parado, fixo del un especialista temido polos porteiros rivais. Forxado nas filas do Camariñas, club que leva na pel desde neno, viviu breves pero intensas experiencias nos xuvenís do Dumbría e un par de encontros no primeiro equipo, e no Porteño, que reforzaron o seu carácter competitivo. Con visión de xogo e determinación, Javi convértese no faro que guía os ataques dos camariñán.
Como valoras o nivel desta categoría?
Pois o que máis notei é a forma física, que se nota bastante que é máis dura e sempre hai algún xogador que marca a diferenza.
Que mellorou máis no equipo respecto ao ano pasado?
Nós practicamente somos o mesmo equipo que o ano pasado, pero cun par de incorporacións como a de David e Joseba desde o principio de tempada, que dan esa calidade e traballo ao medio do campo e que se nota. E agora tamén nos viñeron a botar unha man Chipi e Raúl para este final de tempada, xa que somos un persoal moi curto e toda a axuda é moi boa.
Que mensaxe mandaríaslle á afección para este tramo final?
Que siga así, como toda a tempada, que nos acompañan vaiamos onde vaiamos. Penso que non hai afección que acompañe tanto aos equipos como o fan os nosos e que sigan apoiando, que imos tentar cumprir o obxectivo, que é aguantar a categoría.
Foto: fotofuentes




