Rogelio Martínez foi durante 26 anos directivo da SD Laxe, club no que realizou todo tipo de funcións e labores, a pesar de ser presidente
Rogelio Martínez Castiñeira (Coens-Laxe, 1940) é unha persoa fiel reflexo do que son, foron e serán os directivos ao longo da historia da Costa. Rogelio chegou ao fútbol por casualidade. Os locutores Enrique Mariñas e Matías Prat foron quen lle meteron a espiral do fútbol no corpo, con aquelas retransmisións radiofónicas do Real Madrid. Rogelio foi directivo do SD Laxe desde o ano 1977 ao 2003, é dicir, durante 26 tempadas.
Nesas campañas tamén ocupou o cargo de presidente. Unha primeira parte durante sete anos, e despois volveu estar nese posto. Pero estando no mesmo seguiu realizando todo tipo de funcións. De ir polos balóns que caían fóra do campo nos partidos, levando auga aos xogadores, cortando a herba do terreo de xogo, pintando o campo, regando o céspede, pintando os vestiarios ou acudindo aos supermercados para comprar artigos que necesitaba o club.
Sempre recibindo cun sorriso aos equipos visitantes e estando pendentes de calquera necesidade que puidesen solicitar. Ademais, e en todo momento, nunca se esquecía dos colexiados, para que a súa estancia durante os partidos que se disputaban en Laxe fose o máis cómoda posible. Rogelio onde está… Rogelio hai que ir a por… Rogelio, Rogelio… E Rogelio sempre respondía cun sorriso e facía o que se lle pedía. Nin un mal xesto, nin unha mala acción. Era e é unha gran persoa e cun gran amor pola súa SD Laxe. Un comportamento co que se gañou o respecto, pero sobre todo o agarimo de todos os equipos na liga da Costa.
Rogelio está sen un brazo, desde que no ano 1959 tivo un accidente cando traballaba nun serradoiro. Tiña 18 anos. Viaxaba de Fornelos nun camión cargado de leña cara ao porto de Laxe para levar a carga a Asturias e foi cando ocorreu aquel terrible accidente. Ía onde estaba a carga no vehículo, na parte traseira ao aire libre.
Aos seus 80 anos, Rogelio Martínez segue o fútbol de lonxe. A saúde apartouno dos campos e a saúde é na actualidade o seu quebradizo de cabeza. Naceu nunha familia humilde e numerosa. Foron nove irmáns, da Casa da Quinta en Coens. Tres homes e seis mulleres. Despois de deixar a súa vinculación coa o SD Laxe, naquel ano 2003, Rogelio seguiu sendo socio protector do club. E segue mostrando con orgullo o seu carné co número 47 de abonado. Sendo presidente tamén mantivo o seu carné en vigor.
Seis quilómetros separan Coens, onde vivía e vive, e a pesar de non ter medio de transporte, Rogelio ideáballas para para chegar ao campo antes que ninguén e así poder preparar todo para cada adestramento ou partido. Unha hora leváballe ao noso personaxe realizar ese traxecto a pé, que era a maioría das veces. Ía primeiramente ao Bar Praia, onde estaban as chaves do campo, e despois dirixíase ao recinto deportivo. Rogelio é deses personaxes que sempre axudaron a encumbrar o máis alto á Liga da Costa a fama que hoxe ten. Humilde, traballador, sempre nun segundo plano e eficaz en calquera labor que realizaba. Rogelio sempre será recordado polo bo facer.
Durante a súa época na SD Laxe, Rogelio conseguiu tres títulos co club, dúas Copa da Costa e unha liga. Ademais, o conxunto chegou a disputar seis finais. Curiosamente di sorrindo Rogelio:
“Fixen de todo, menos xogar ao fútbol”.