Laura Raña: “O meu obxectivo é crear un proxecto comprometido co fútbol feminino”

Faísca convertida en gol, Laura Raña Martínez (Cerceda, 1991) é a atacante indomable do Club Atlético Cercedense.

Pioneira e capitá de soños, impulsora do equipo feminino que abriu camiños onde non os había. Coa súa pegada pasou por Tordoia, Orzán, Abellá e Dépor, deixando fútbol e carácter, e tamén sementa futuro na base, adestrando talento. Velocidade, coraxe e memoria, o seu nome latexa sempre en cada ataque.

Este é o primeiro ano do club en fútbol 11, como foi o cambio desde o fútbol 7?
Ilusionante. Despois dunha tempada con expectativas marabillosas a nivel grupal e deportivo en fútbol 7, a ilusión por dar pasos adiante era grande. Lembro con moita ledicia o plantexamento do proxecto ás rapazas, xa que o apoio e a confianza da directiva foron totais. Lembro tamén a ilusión que reflectía o plantel aquel verán. O seu desexo era seguir vivindo cousas fermosas neste deporte no que a gran maioría estaba a dar os seus primeiros pasos cosas súas compañeiras e coa familia xerada arredor do Cercedense feminino.
En canto ao cambio de modalidade a nivel deportivo, a adaptación foi estupenda, en gran medida porque considero que chegou a nós o adestrador axeitado no momento axeitado. Óscar Barrientos, a través de adestramentos moi dinámicos e divertidos, construíu un grupo que non só aprende e medra no deportivo, senón que tamén se divirte en cada adestramento. Todo isto complementado con Jesús Santos e Marga de la Iglesia, que son xente da casa e cos que Óscar traballa man a man. Eles son peza fundamental do eixe.

Cal é o punto forte do equipo?
O punto forte do equipo é a solidez que mostra a nivel grupal. A dinámica de comunicación do vestiario é sempre positiva, mesmo cando xorden momentos no partido nos que hai que atopar solucións. Esa comunicación en positivo fai que nos sintamos capaces de darlle a volta a calquera escenario desfavorable.
En gran medida, isto débese a que o vestiario é moi equilibrado e conta con xogadoras que dan ese paso adiante, asumen responsabilidades e exercen un papel de apoio e liderado que impulsa ás xogadoras con menor experiencia, ben por idade ou por percorrido neste deporte. Este factor é, en gran medida, unha das claves da evolución tan favorable deste proxecto.

Que obxectivos persoais tes para esta tempada?
O meu obxectivo a nivel persoal está moi lonxe do que moita xente podería crer. Non persigo títulos a nivel persoal nin acadar metas individuais. Esa parte considéroa xa cumprida noutras etapas. Son consciente da sorte de ter conseguido e vivido moitas cousas a nivel deportivo.
O meu obxectivo, e o que me move nos últimos tempos, é precisamente isto: crear un proxecto comprometido co fútbol feminino, onde conflúan medios e oportunidades para crear un marco serio e respectuoso, onde o club sexa exemplo de xestión a nivel feminino. Dar oportunidades a rapazas da contorna e formar talento local. Algo importante que segue esa liña tamén é o feito de adestrar na base, onde temos a sorte tanto Uxía Casal como eu, ambas xogadoras do senior feminino, de contar cun grupo (o infantil masculino) que comparte esa maneira que temos de vivir este deporte e co que tratamos de trasladar esa filosofía que rexe na sección feminina do club. Unha filosofía que nos está a dar moitas cousas positivas.
Polo tanto, formar xogadores/as como adestradora e o progreso da sección feminina no club, a día de hoxe, os meus obxectivos prioritarios.

Foto: fotoschimpi

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas