Marco Senra: “Volvo á miña casa e a miña terra, coa miña familia e amigos”

O Volei Dumbría terá ao fronte do banco a Marco Senra Blanco (Lires, 1997), que volve á que foi a súa casa, pois foi canteirán da entidade costeira durante a súa etapa de xogador.

O ceense é un técnico moi traballador, coñecedor da filosofía do Dumbría e da importancia da base, con ambición deportiva e cunha boa traxectoria como técnico en clubs como o Ciudad de A Coruña ou o CYL Palencia, ademais de formar parte do staff co combinado español sub-16 co que obtivo a prata no Campionato de Europa. Por tanto, toma o mando dun Dumbría no que renovaron Tiago, Raúl, Castro, Sanjurjo, Manuel Costa, Néstor, Pana, Garea, Rengifo e Iago, e ficharon a Diego Lucas, Germán Álvarez e Vladimir Hadzhiev.

Que sentes ao volver ao Volei Dumbría?
É como volver a casa despois dunha viaxe longa, notas o agarimo de toda a xente que conforma o club. Luis, César e Juan Jesús recibíronme como un máis, coma se levara anos aquí, co cal é moi fácil só atoparse con sentimentos positivos. Os nervios dun novo proxecto transfórmanse en unicamente entusiasmo cando che reciben desta maneira tan próxima e familiar.

Que é o que máis te chamou a atención do club dumbriés?
No plano deportivo, sen dúbida, é o gran traballo que se realiza coa canteira, temos moi bos xogadores que se criaron de O Conco, tanto no noso club como noutros equipos. Tamén contamos cun amplo número de xogadores que tiveron e aínda teñen paso pola selección galega, seleccións inferiores de España e en España absoluta. Este traballo, que leva anos realizando en canteira, sumado ao gran proxecto formado en Superliga 2, fan de Dumbría un lugar ideal para seguir crecendo como adestrador, e máis con alguén como Luis, que é un referente no voleibol.
O plano persoal tamén axuda, como dicía, é como volver a casa despois dunha viaxe longa, e no meu caso é literal, volvo á miña casa e a miña terra, coa miña familia e amigos. Queiras ou non, iso sempre suma!
O Dumbría aposta moito pola canteira, que consellos lles dás a eses rapaces?

Aos rapaces da canteira sempre os animarei a adestrar o máximo que poidan para cumprir o soño de chegar ao primeiro equipo, tamén os animo a preguntar, tentalo todo e non quedar coa dúbida, que algo salga mal agora non é un problema sempre que se siga traballando para cambialo e melloralo, pero se non se tenta por medo ao fracaso, o único seguro é que non o conseguirán.
Teñen no seu propio club xogadores que nalgún momento foron canteiráns e soñaban con isto, non hai mellor exemplo que eles para demostrar que con esforzo e constancia pódese chegar. É un camiño longo, pero dos quince xogadores cos que contamos, nove foron formados neste club e outros dous estiveron unha tempada connosco en categorías inferiores.

Que obxectivo terá o equipo esta tempada?
O obxectivo desta tempada é estar o máis arriba posible na clasificación, nun grupo que pinta difícil. A tempada que vén dividirase a Superliga 2 nun grupo ouro e dous de prata e, polo menos, seis dos once equipos buscaremos pelexar na parte alta para conseguir a praza en ouro. É unha liga curta ao ser once equipos, polo que será dura a nivel competición, ningún partido vai ser fácil, calquera momento de dúbida ou relaxación custarán moi caros.

Foto: RRSS Volei Dumbría

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas