O Volei Dumbría, que finalizou cuarto na Superliga 2, é un club que sempre aposta por xente da casa e dar oportunidades aos canteiráns para formar parte do primeiro equipo.
Nesta ocasión, tivemos a oportunidade de falar con Iago Larrañaga Ledo (Dumbría, 2007), unha das perlas da canteira que xoga como colocador, que xa vestiu a indumentaria das categorías inferiores do combinado español e que procede dunha familia estreitamente ligada ao voleibol, pois o seu irmán Unai é actual xogador do Guaguas.
Como valoras a tempada?
A tempada foi acorde ás expectativas, loitando na parte alta (quedamos cuartos) aínda que nos faltou un pouco para chegar á fase de ascenso.
O Volei Dumbría confía na súa base, que sente un canteirán ante isto?
Para min é motivador que depositen tanta confianza na canteira, isto empúxanos para seguir mellorando e axudando ao equipo.
Como foi vestir a camiseta do combinado español?
É un orgullo pertencer ás seleccións inferiores de España, para min tamén serve como recoñecemento a tanto esforzo e traballo a diario.
Que consellos adoitas recibir dos máis veteranos?
Anímanme a que siga mellorando e a que non perda a concentración nos momentos máis importantes.
Que obxectivos tes para a próxima tempada?
O obxectivo é poder repetir ou mesmo mellorar a campaña pasada para poder meternos na fase de ascenso. E a nivel persoal, seguir mellorando o meu rendemento.
Foto: Foto Fuentes