Marta Rivas: “O club me axudou a crecer como xogadora e como persoa”

Nada sucede por casualidade e a gran tempada do BBCA recae no enorme traballo do corpo técnico e das xogadoras que fixeron realidade lograr a permanencia na nacional con moitas xornadas de antelación.

Precisamente, entre este grupo de xogadoras destaca a figura de Marta Rivas Díaz (Ferrol, 2004), unha base cun enorme xogo exterior que se iniciou nas Mercedarias e cumpre a súa novena tempada no BBCA.

Que significa para ti defender este escudo?
Para min é moi importante debido a que é o club me axudou a crecer como xogadora e como persoa ao longo de tantas tempadas.

Que opinas desta primeira tempada en nacional?
A verdade que moi contenta cos resultados que obtivemos e co equipo que creamos desde o principio. Creo que é unha tempada na que xogamos contra equipos de moito nivel, pero puidémoslles competir a todos e estou moi orgullosa de nós.

Amarrastes a permanencia con moita antelación. Esperabades mostrar este gran nivel?
Non. Non creo que ningunha das que xogamos “confiase” ao 100% desde o principio. Viñamos dunha categoría na que o club estivo estancado durante moito tempo e non se conseguía ascender. A verdade é que non empezamos moi ben a tempada, pero con todo o traballo que se realizou por parte de todas e todos os que estamos dalgunha maneira conectados ao equipo, conseguiuse acabar a tempada con moitas vitorias e conseguir a permanencia a metade da segunda volta, que é todo un mérito.

Cal é a clave do éxito do BBCA?
Eu creo que unha das cousas que marca a diferenza desde que te unes ao club é a gran familia que se forma. Ao final, as mozas coas que xogas vas ver moitas horas á semana, durante moitas tempadas e hai mozas, como Rocío Porto, coas que levo xogando desde que chegamos ao club. Hai moito compañeirismo en todos os equipos, desde a escola ata os seniors, e creo que iso se nota moito na pista.

Que sente ao lograr estes méritos cun equipo confeccionado con xente da casa?
Foi moi duro á vez que bonito. Ao longo dos anos do BBCA custou moito conseguir un equipo no senior feminino que puidese chegar a ter o nivel dun Primeira Nacional. Non me refiro a nivel técnico, senón a funcionar como equipo. Eu creo que é todo un logro facelo maioritariamente con xente de aquí de Ferrol e demostramos moito da cidade e da canteira que se forxa no club.

Estás no Top5 de máxima anotadora e de triplos da liga. Como ves a túa progresión?
A miña progresión foi moi boa ao longo da tempada. Estou moi contenta cos partidos que fixen nesta e considero que son premio de moito esforzo ao longo dos anos de base no club. Teño que agradecer todo o traballo e a confianza que puxeron en min os meus adestradores e as miñas compañeiras por achegarme balóns e meterme no xogo, ao final isto é un xogo de 5 e os puntos son de todas e non só meus.

Quen gañaría un concurso de triplos entre o teu irmán e ti?
O meu irmán cos ollos pechados. É moito o traballo e a constancia que leva ás súas costas e a verdade é que o admiro moito tanto no baloncesto como a nivel persoal. Pero seguirei traballando para algún día gañarlle.

Que obxectivos te marcas para a próxima tempada?
Pois a verdade que non o pensara aínda, pero, por exemplo, aprender a manexar mellor a presión e mellorar algúns dos meus récords.

Foto: Sadmoody241

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucho: “A clave é a confianza”

O centrocampista de corte defensivo do Galicia de Mugardos, Luis Dopico Martínez (Ferrol, 2003), coñecido como Lucho, formouse nas categorías inferiores do Racing e tras