O Baxi Ferrol planta cara pero cede o primeiro round

O conxunto ferrolán pelexou ata o último minuto pero o Spar Girona leva a primeira vitoria por 60-71.

O Baxi Ferrol presentouse ante un Pavillón da Malata que rexistrou unha boa entrada para recibir ao Spar Girona en en o encontro de ida dos cuartos do playoff da Liga Feminina Endesa. O quinteto inicial de Lino López conformábano Àngela Mataix, Gala Mestres, Julie Pospisilova, Moira Joiner e Claire Melia, mentres que Roberto Íñiguez saía con Marta Canella, Lundquist, Borislava Hristova, Tate e Vionise Pierre.

O primeiro cuarto foi claramente dun Spar Girona que iniciou cun parcial de 0-9 con Hristova e Tate facendo dano en cada ataque. Lino López solicitaba o tempo morto para frear o ritmo das catalás, e en principio parecía producir efecto, pois Melia cortaba a dinámica das rivais cun triplo. Pero as de Roberto Íñiguez repoñíanse e co paso dos minutos ían incrementando a distancia no marcador ata selar o primeiro cuarto cun +15 de vantaxe co resultado de 10-25.

O segundo cuarto empezou cun Baxi máis enchufado, metendo aquilo que no primeiro acto resistíase ante un Girona que estaba algo máis espeso. Aproveitaban as de Lino López para recortar a distancia con Alba Sánchez-Ramos liderando a parcela de ataque, pero novamente o Girona demostrou porqué finalizaron a liga regular como primeiras e comezaron a anotar todo o que tiraban con 6/8 en triplos polos 3/15 que levaba o Baxi. Tate, Ainhoa López e Hristova estaban a ser un pesadelo, pero as locais non tiraron a toalla e tirado de orgullo, protagonizaron bos minutos para seguir dentro do partido, con Blanca Millán como principal baza ofensiva para marcharse ao descanso 14 puntos abaixo co marcador de 33-47.

O Baxi saíu dos vestiarios con ganas de que aínda partise e protagonizou un arranque de cuarto impresionante chegando a poñerse 9 abaixo, pero varias decisións arbitrais moi polémicas cortaban o ritmo das ferrolás. Este momento de dúbida aproveitábao o Girona para reaccionar e recuperar novamente a renda de 14 puntos. Àngela Mataix conseguía anotar dous tiros libres para pechar o cuarto 12 abaixo co resultado no electrónico de 45-57.

O último cuarto iniciouse cun triplo de Blanca Millán e posteriormente cun 2+1 para acender novamente a un pavillón que arroupaba ás súas en cada ataque e presionaba ás rivais cando tocaba defender. O partido entraba nun auténtico correcalles no que o Baxi estaba a saír favorecido. A galega Blanca Millán e a checa Julie Pospisilova estaban a protagonizar moi bos minutos, pero tras un tempo de morto no que o Girona collía aire, volvían pisar o acelerador e cun parcial de 0-6 recuperaban a vantaxe de +12. Ao final o Baxi lograba aguantar o ritmo das catalás e o partido finalizaba co resultado de 60-71.

O Baxi Ferrol caeu coa cabeza ben alta no encontro de ida e con 11 puntos de desvantaxe visitará ao Spar Girona o vindeiro domingo ás 18:10 co obxectivo de tratar de dar a sorpresa ante o rival máis duro da liga regular.

Foto: sadmoody241

RESULTADO: Baxi Ferrol 60-71 Spar Girona

BAXI FERROL: Àngela Mataix (2), Gala Mestres (4), Julie Pospisilova (12), Moira Joiner (7) e Claire Melia (7); Alba Sánchez-Ramos (7), Jori Davis (2), Blanca Millán (16) e Carlota Menéndez (3).

SPAR GIRONA: Marta Canella (2), Lundquist (7), Borislava Hristova (14), Tate (14) e Vionise Pierre (3); Carolina Guerrero (14), Sandra Ygueravide (6) e Ainhoa López (11).

CUARTOS: 10-25; 33-47 (23-22); 45-47 (12-10); 60-71 (15-14).

ÁRBITROS: Enrique Miguel López Herrada, Jorge Baena Criado e Pablo Rodríguez Fernández. Sinalaron 22 faltas, 12 a favor do Baxi Ferrol e 10 en contra.

INCIDENCIAS: Partido de ida dos cuartos do playoff da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucho: “A clave é a confianza”

O centrocampista de corte defensivo do Galicia de Mugardos, Luis Dopico Martínez (Ferrol, 2003), coñecido como Lucho, formouse nas categorías inferiores do Racing e tras