O Bergantiños ten moito talento nas súas filas e unha das pezas clave é a centrocampista ofensiva Laura Muñiz Suárez “Mini” (A Coruña, 2003).
A habilidosa xogadora posúe un gran disparo, condución exquisita do balón, gran visión de xogo e moi bo un contra un. Procede do equipo herculino do Victoria e cumpriu a súa terceira campaña co conxunto carballés.
Como naceu o teu amor polo fútbol?
O meu amor polo fútbol vén desde pequena. Empecei no colexio con 5 anos xogando con nenos ao fútbol sala ata que fichei polo Victoria e acabei quedándome co fútbol campo. Tamén creo que influíu moito que no meu ambiente sempre estivo presente o fútbol, tanto en casa como nas miñas amizades.
Cada tempada estás a un nivel superior da anterior, cal é a clave?
A verdade é que non hai unha clave en concreto. Desde que estou aquí, cada fin de semana saio ao campo e traballo coa mesma actitude. Ademais, son unha persoa que necesita sentirse a gusto nun lugar para poder dar o mellor e cando é así rendo mellor.
Que che pareceu a Terceira Federación?
Foi un ano difícil para nós, enfrontándonos a unha liga nova cun nivel máis alto e equipos moi traballados. Aos poucos fómonos adaptando e, a pesar dos cambios, creo que competimos en cada partido. En moitas ocasións, mesmo sentimos que merecemos máis.
Como viches ao equipo esta tempada?
Aínda que durante a tempada tivemos varias baixas por lesións e motivos persoais, o equipo competiu ben na maioría de partidos. Os resultados non nos acompañaron, pero destacaría o esforzo e actitude de todo o equipo durante cada fin de semana, que non é fácil cunha dinámica de non conseguir moitas vitorias.
Foto: Bergantiños FC




