O Baxi Ferrol cede a derrota ante o Casademont Zaragoza pero asegúrase a praza de playoff

A pesar da derrota do conxunto ferrolán co Casademont Zaragoza por 48-79, a vitoria do Spar Gran Canaria ante o Lointek Gernika Bizkaia permitiu ás gladiadoras de Lino López clasificarse para o playoff.

Afrontaba o Baxi Ferrol a penúltima xornada da liga Feminina Endesa en busca dunha vitoria para confirmar a súa clasificación para o playoff e enfronte tiña a un dos punteiros como é o Casademont Zaragoza. Para este encontro Lino López tiraba do seu quinteto habitual con Ángela Mataix, Gala Mestres, Julie Pospisilova, Moira Joiner e Claire Melia, mentres que alén da pista Carlos Canteiro apostaba por Marie Manei, Mariona Ortiz, Tanaya Atkinson, Stephanie Mawuli e Brianna Fraser. A pesar de que as mañas venceron con contundencia ás ferrolás, cumpriuse o obxectivo de meterse no playoff.

O primeiro cuarto decantouse claramente para un Casademont moi acertado desde a liña de tres ante un Baxi que só puido anotar un por parte de Julie Pospisilova a falta de 50 segundos. Este primeiro acto mantívose moi igualado nos primeiros compases, iniciando cunha canastra para cada lado con Fraser e Pospisilova como protagonistas. Tras dous minutos de atasco por parte dos dous conxuntos, o partido foi caendo para o lado do Casademont, que atopaba unha mina de ouro desde a liña de tres puntos con Manei, Mawuli e Pueyo como executoras. As de Lino López conseguían reducir distancias e maquillar o resultado nos últimos minutos deixando o resultado con 13-22.

O segundo cuarto puxo moi costa arriba o partido para o Baxi Ferrol. A gran eficacia en ataque das de Carlos Canteiro unido ao atasco para a canastra que estaban a sufrir as de Lino López permitía ás visitantes escaparse no electrónico. O trío formado por Manei, Pueyo e Fraser estaba a ser un pesadelo para as ferrolás que tiñan a Julie Pospisilova como a principal baza ofensiva. O Casademont asinaba de inicio do segundo acto un 7-0 que conseguía romper Claire Melia, e a partir de aí o Baxi mostraba uns bos minutos nos que conseguía reducir a distancia, pero unha nova andanada das mañas pechaba o segundo acto cun 27-45 que obrigaba ao Baxi a necesitar de tirar da épica para levantalo.

Arrincou o terceiro cuarto cun triplo de Julie Pospisilova, pero o Mawuli respondía primeiro con dous puntos e posteriormente cun triplo que obrigaba a Lino López a solicitar tempo morto. O Baxi non conseguía dar coa tecla para poñer en apertos a un Casademont Zaragoza que lograba unha renda de +24 no electrónico a falta dun minuto para finalizar o penúltimo período. Blanca Millán metería a última para deixar o cuarto cun 34-56, sendo Julie Pospisilova e Mawuli as máximas anotadoras con 13 puntos cada unha.

O Baxi acusaba máis o cansazo da tempada e no último cuarto baixaban o pistón ante un Casademont que non reducía marchas e que marcaba unha renda de vantaxe que superaba a trintena. A pesar do resultado, nada tranquilizaba os ánimos dun pavillón que animaba merecidamente ás súas sen cesar tras a gran campaña que están a realizar. Con todo, as de Carlos Canteiro non mostraban piedade e protagonizaban minutos de moito acerto, con Pueyo como francotiradora asinando cinco de seis triplos. O partido chegaría ao seu fin co resultado de 48-79, sendo Julie Pospisilova a máxima anotadora local con 13 puntos, mentres que Pueyo, con 19 puntos, o era para as visitantes e ademais proclamábase MVP con 23 de valoración.

A pesar da dura derrota, as miradas desde Ferrol enfocáronse no País Vasco, onde o conxunto canario do Spar Gran Canaria impoñíase ao Lointek Gernika Bizkaia e clasificaba matematicamente a nosas gladiadores para pelexar polo título. A última xornada será precisamente visitando ao conxunto canario o vindeiro sábado ás 18:00 horas.

Foto: sadmoody241

RESULTADO: Baxi Ferrol 48-79 Casademont Zaragoza

BAXI FERROL: Àngela Mataix (2), Gala Mestres (6), Julie Pospisilova (13), Moira Joiner (3) e Claire Melia (6); Alba Sánchez-Ramos (8), Jori Davis (0), Blanca Millán (6) e Carlota Menéndez (4).

CASADEMONT ZARAGOZA: Marie Mané (12), Mariona Ortiz (0), Tanaya Atkinson (6), Stephanie Mawuli (13) e Brianna Fraser (10); Melisa Brcaninovic (0), Laia Flores (2), Helena Pueyo (19), Helena Oma (9) e Shante Evans (8).

CUARTOS: 13-22; 27-45 (14-23); 34-56 (7-11); 48-79 (14-23).

ÁRBITROS: Javier Favila Zurita, Jorge Muñoz García e Joaquín Lizana Moreno. Sinalaron 27 faltas, 11 a favor do Baxi Ferrol e 16 en contra.

INCIDENCIAS: Partido da 29ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucho: “A clave é a confianza”

O centrocampista de corte defensivo do Galicia de Mugardos, Luis Dopico Martínez (Ferrol, 2003), coñecido como Lucho, formouse nas categorías inferiores do Racing e tras