O Baxi levou o derbi e consolídase na zona de playoff

O conxunto ferrolán adxudicouse o derbi galego ante un combativo Celta Femxa Zorka por 72-65, sumando a cuarta vitoria consecutiva e busca selar a súa clasificación para o playoff.

Tras finalizar a histórica travesía europea quedando subcampioas, o Baxi Ferrol volvía a enfundarse a indumentaria do campionato nacional diante da súa afección que abarrotaba o Pavillón da Malata para disputar a 28ª xornada da liga Feminina Endesa. En fronte, o Celta Femxa Zorka, un derbi galego que sempre levanta expectación e para este duelo, Lino López confeccionaba o seu quinteto con Ángela Mataix, Moira Joiner, Julie Pospisilova, Blanca Millán e Claire Melia, mentres que Cristina Canteiro optaba por Maimouna Haidara, Matea Tadic, Clementine Samson, Samantha Cooper e Quinn Urbaniak.

O primeiro cuarto foi un monólogo do Baxi Ferrol, que empezou arrolador desde a liña de tres puntos con dous consecutivos de Julie Pospisilova e unha canastra en xogada persoal de Moira Joiner para poñer o 8-0 no electrónico. Blanca Millán redondeaba o parcial de 11-0 con outro triplo, demostrando que as de Lino López saíron moi enchufadas á cancha. Clementine Samson facía os primeiros puntos para as súas, pero novamente Blanca Millán e *Àngela Mataix replicaban desde a liña de tres, parecendo un auténtico concurso de triplos. Julie Pospisilova e Blanca Millán seguían esnaquizando ás viguesas co xogo exterior e tras un pequeno atasco de anotación, o Celta maquillaba lixeiramente o resultado, finalizando o primeiro acto cun triplo da capitá *Àngela Mataix sobre a bucina para poñer o 28-15.

Os dous conxuntos non empezaron moi acertados para a canastra nos primeiros compases do segundo cuarto ata que ao case tres minutos de xogos Lucía Gutiérrez rompía o maleficio. Tras un intercambio de golpes entre as dúas escuadras, o Celta mostrábase con maior efectividade ofensiva e lograba achegarse perigosamente no marcador, pero unha boa reacción do Baxi volvía manter baixo control ao equipo vigués, mantendo a barreira de 10 puntos de vantaxe ata o final do segundo acto, marchándose os dous equipos aos vestiarios con 41-31, sendo *Àngela Mataix a máxima anotadora local con 10 puntos e Haidara con 8 por parte das visitantes.

O terceiro cuarto comezou abrindo a lata Dornstauder e respondendo Claire Melia para as súas, seguido doutra de Blanca Millán e replicando Samson para as viguesas. Co paso dos minutos foise impoñendo lixeiramente o conxunto dirixido por Lino López, que mantiña a renda dos 10 de vantaxe e conseguía ampliala ata os 13. Noa Morro anotaba un triplo no último ataque das locais e Haidara, desde a liña de tiros libres, anotaba un dos dous lanzamentos para pechar o terceiro acto con 58-44. A nota negativa protagonizouna Gala Mestres cando a falta dun par de minutos para finalizar o cuarto, lesionouse e marchouse sen apoiar o seu pé dereito tras unha caída.

Saíu moi enchufado o Celta no último cuarto e sen ganas de baixar os brazos, reducindo a vantaxe nos catro primeiros minutos ata os 8 puntos que deixaba todo moi aberto e obrigaba a Lino López a solicitar o tempo morto para dar instrucións ás súas pupilas. O descanso sentáballe de fábula ao conxunto ferrolán, que subía o ritmo defensivo e un triplo de Alba Sánchez-Ramos e unha canastra de Moira Joiner deixaba moi de fronte o partido para as ferrolás a falta de tres minutos con 11 arriba. Precisamente a americana desatábase nestes últimos minutos e con outras dúas anotacións consecutivas ditaba sentenza. O público viña arriba a un minuto e medio de finalizar o encontro coa entrada a pista da canteirá Elena Baldonedo, que respondía o público anotando un tiro libre. O público coreaba tamén ao Celta polas grandes relacións que existen entre os dous clubs e as dúas afeccións, finalizando o partido coa vitoria do Baxi por 72-65.

Por parte das ferrolás, Moira Joiner foi a máxima anotadora local con 16 puntos, mentres que Haidara o foi para as visitantes con 19, ademais de levar o MVP cun meritorio 23 de valoración. O próximo encontro do Baxi será o que ten pendente da pasada xornada, tendo que viaxar a terras madrileñas para enfrontarse ao Movistar Estudiantes o mércores 9 ás 20:00 horas.

Foto: sadmoody241

RESULTADO: Baxi Ferrol 72-65 Celta Femxa Zorka

BAXI FERROL: Àngela Mataix (12), Blanca Millán (11), Julie Pospisilova (11), Moira Joiner (16) e Claire Melia (4); Alba Sánchez-Ramos (4), Jori Davis (0), Gala Mestres (3), Elena Baldonedo (1) e Noa Morro (10).

CELTA FEMXA ZORKA: Maimouna Haidara (19), Matea Tadic (14), Clementine Samson (11), Samantha Cooper (0) e Quinn Urbaniak – Dornstauder (10); Sara Vidal (4), Naomie Alnatas (0), Luize Sila (2), Lucía Gutiérrez (5) e Uxía Rodríguez (0).

CUARTOS: 28-15; 41-31 (13-16); 58-44 (17-13); 72-65 (14-21).

ÁRBITROS: Francisco José Zafra Guerra, Jesús Marco Martínez Prada e María ángeles García Crespo. Sinalaron 34 faltas, 18 a favor do Baxi Ferrol e 16 en contra.

INCIDENCIAS: Partido da 28ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas

Lucho: “A clave é a confianza”

O centrocampista de corte defensivo do Galicia de Mugardos, Luis Dopico Martínez (Ferrol, 2003), coñecido como Lucho, formouse nas categorías inferiores do Racing e tras