As ferrolás selaron o seu pase á EuroCup Women e estará na fase de grupos tras superar novamente ao Battipaglia por 89-45 nunha noite máxica no pavillón da Malata.
O Baxi Ferrol, que luciu a súa indumentaria europea coa que honra ao OAR, tiña onte unha nova cita coa rolda previa da EuroCup Women tras impoñerse na ida en terras italianas por 47-89. A pesar da clara vantaxe, Lino non quería relaxacións e apostou por un quinteto conformado por Ángela Mataix, Gala Mestres, Moira Joiner, Julie Pospisilova e Mimi Collins, mentres que Lorenzo Serventti saíu con Unique Drake, Rosa Cupido, Sarah Seka, Josipa Pavic e Marie Benson.
Saíron moi enchufadas as italianas en busca dunha remontada épica, logrando unha pequena vantaxe de catro puntos coas dúas canastras de Pavic. Un triplo de Joiner e unha de dúas de Collins poñía con vantaxe ás ferrolás, pero co paso dos minutos, o Battipaglia mostraba máis efectividade en ataque e terminaba dominando o primeiro cuarto por 16-17. As máximas anotadoras neste período por parte do Baxi foron Mimi Collins e Claire Melia con 4 puntos cada unha, mentres que Drake, con cinco, foi a visitante que máis anotou.
No segundo cuarto cambiou a historia cun Baxi moito máis centrado en ataque e defensa, e que comezaba a parecerse ao do encontro de ida. Lideradas por unha Claire Melia «on fire», as ferrolás comezaron a abrir brecha no marcador ante unhas visitantes que comezaban a baixar os brazos tras a arrancada do primeiro cuarto. Collins pechou este segundo período cun triplo sobre a bucina, índonos ao descanso cun resultado a favor de 41-26, con Claire Melia como referente no apartado de anotacións das locais e do partido, con 10 puntos, polos 6 de Marie Benson para as visitantes.
Tras o pequeno descanso no que os técnicos aproveitaron para dar indicacións ás súas xogadoras, arrincou o terceiro cuarto coas mesmas sensacións que no segundo, cun Baxi Ferrol moi activo e superior ao Battipaglia. As ferrolás non deixaban achegarse aos seus rivais no marcador e ía aumentando a distancia nun pavillón da Malata que rexistraba moi boa entrada. As de Lino López pechaban este terceiro período con +26 arriba no marcador cun resultado de 64-38. Nese momento Mimi Collins lideraba a táboa de anotadoras do partido e do conxunto local con 13 puntos, mentres que por parte da italianas alzábase como referente Marie Benson con 12.
O último cuarto, como era de esperar polo resultado, os dous conxuntos saíron máis relaxados e non lograron anotar nos dous primeiros minutos, sendo Alba Sánchez-Ramos a que conseguise anotar a primeira canastra. Tras esta canastra chegou unha das xogadas do partido, cun gran tapón de Noa Morro e culminando a xogada Blanca Millán cun triplo. As ferrolás gustábanse sobre a pista e estaban a demostrar que son equipo da competición europea, aumentando máis a renda da ida e selando a clasificación cun contundente 89-45, +44, que superaba en dous puntos a vantaxe obtida na ida. Mimi Collins finalizou como a máxima anotadora do partido e do Baxi Ferrol con 18 puntos, mentres que polo Battipaglia foi Marie Benson con 14.
RESULTADO: Baxi Ferrol 89-45 Battipaglia
BAXI FERROL: Ángela Mataix (8), Gala Mestres (14), Moira Joiner (12), Julie Pospisilova (0) e Mimi Collins (18); Claire Melia (10), Alba Sánchez-Ramos (4), Carlota Menéndez (7), Noa Morro (11) e Blanca Millán (5).
BATTIPAGLIA: Unique Drake (7), Rosa Cupido (7), Sarah Seka (3), Josipa Pavic (7) e Marie Benson (14); Ana Vojtulek (-), Francesca Baldassarre (5), Justine Nardoni (0), Fabiana Prete (2) e Giovanna Smorto (-).
CUARTOS: 16-17; 41-26 (25-9); 64-38 (23-12); 89-45 (25-7).
INCIDENCIAS: Partido correspondente ao encontro de volta da rolda previa da EuroCup Women celebrado no Pavillón de A Malata.