O Baxi Ferrol sufriu este sábado unha dura derrota ante o Jairis, caendo por 50‑64 nun partido no que o equipo ferrolán nunca atopou o seu ritmo.
A 17ª xornada da liga Feminina Endesa chegaba ata o Pavillón da Malata con outra esixente proba para o Baxi Ferrol ante un duro rival como o Hozono Global Jairis e tras unha semana difícil na que ademais da derrota sufrida en Europa ante o Perfumerías Avenida, tamén perdía a Karla Erjavec para o que resta de tempada por rotura do ligamento cruzado anterior do xeonllo esquerdo e á que o equipo ferrolán rendeu homenaxe con camisetas de apoio antes do inicio do partido.
Para este encontro, Lino López compuxo o seu quinteto inicial con Sotolova, Joiner, Blanca Millán, Claire Melia e Lay Daniels, mentres que Bernat Canut apostou por Txell Alarcón, Ayuso, Billie Massey, Lou López-Senechal e Morgan Bertsch.
Comezou o cuarto con triplo de Blanca Millán e respondía o Jairis con dúas canastras consecutivas de Bertsch tras dúas perdas das locais. As dúas escuadras estaban moi intensas sobre a pista, imprimindo moita velocidade en cada ataque, pero neste escenario foise situando mellor o conxunto visitante, que co paso dos minutos foi tomando o mando no marcador e levándose o primeiro asalto con 9 de vantaxe tras un 9-18.
O segundo cuarto iniciou con Laura Gil anotando os dous tiros libres e Ine Joris cortando a seca cun triplo afastado seguido dun 2+1 para Claire Melia. O Baxi atravesaba un bo momento sobre a pista e conseguía reducir distancias ata os cinco puntos por baixo, pero o Jairis de novo protagonizou outra arrancada, unido a que as ferrolás volvían pasar por outra fochanca ofensiva, para de novo tomar as rendas do partido e aumentar a vantaxe ata os 16 puntos arriba, deixando un resultado de 17-33.
Os equipos volveron a pista tras o paso por vestiarios e o terceiro cuarto comezou con dúas canastras consecutivas de Lay Daniels, demostrando que as locais non querían baixar os brazos. Veulle moi o descanso ás de Lino López, que estaban a ser ese equipo dinámico, intenso en defensa e saíndo ao ataque cun ritmo de vertixe, chegando a poñerse 10 abaixo no ecuador do cuarto. Cada ataque rival, o Baxi respondíao pelexando cada balón como guerreiras e saíndo ao ataque con moito acerto. O público sabíao, cheiraba o sangue, animaba sen parar e Ine Joris reducía ata os 5 cun triplazo. Pero tras esta acción, o panorama volvería cambiar, as visitantes comezaban novamente a atoparse co aro e as locais a mostrar dúbidas ofensivamente e entre Txell Alarcón, Ayuso, Laura Gil e Alba Prieto conseguían apagar a boa dinámica local, pechando o penúltimo período con canastra de Moira Joiner, quedando o Baxi 15 abaixo co marcador de 30-45.
Comezou frío o último cuarto o conxunto da cidade departamental, encaixando un 0-5 en menos dun minuto cunha canastra de Bertsch e un triplo de Mataix. O Baxi trataba de repoñerse cun triplo de Blanca Millán, seguido doutro de Sotolova, pero co paso dos minutos, o club murciano poñía a directa e abría unha importante brecha de 20 arriba a falta de pouco máis de tres minutos. O Baxi tratou de opoñer a resistencia, pero finalmente cedería cun 50-64, quedando Lay Daniels como a máxima anotadora do encontro con 16 puntos e Bertsch como a MVP con 14 de valoración.
Con este resultado, o Baxi ten un balance de 8 vitorias por 9 derrotas. O mércores disputará en casa o encontro de volta da EuroCup Women contra o Perfumerías Avenida ás 20:15, mentres que en liga tocaralle viaxar para medirse ao CAB Estepona o vindeiro sábado ás 17:30 horas.
Foto: sadmoody241
RESULTADO: Baxi Ferrol 50-64 Hozono Global Jairis
BAXI FERROL: Karolina Sotolova (5), Moira Joiner (2), Blanca Millán (11), Claire Melia (5) e Lay Daniels (16); Alba Sánchez-Ramos (3), Elena Rodríguez (2), Clementine Samson (0) e Ine Joris (6).
HOZONO GLOBAL JAIRIS: Txell Alarcón (9), Ayuso (4), Billie Massey (6), Lou López-Senechal (10) e Morgan Bertsch (13); Alba Prieto (5), Àngela Mataix (5), Ehk (7) e Laura Gil (5).
CUARTOS: 9-18; 17-33 (8-15); 32-45 (15-12); 50-64 (18-19).
ÁRBITROS: Asier Quintás Álvarez, Pablo Rodríguez Fernández e Alejandro Benavente Parra. Sinalaron 16 faltas a favor do Baxi e 14 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á 17ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrada no Pavillón de A Malata con 1468 afeccionados.




