O Baxi Ferrol despediuse da EuroCup Women ante a súa afección, que non deixou de ovacionar ao equipo ata o final, caendo ante un Perfumerías Avenida por 57-79 e que foi moi superior nos dous encontros.
O Baxi recibía ao Perfumerías Avenida no encontro de volta da EuroCup Women tras o duro revés sufrido na ida, onde caeu por 86-58. Cunha desvantaxe de 28 puntos, o conxunto local afrontaba o partido coa difícil misión de asinar unha remontada épica ante a súa afección para seguir con vida na eliminatoria. Para este encontro, Lino saía con Moira Joiner, Clementine Samson, Blanca Millán, Ine Joris e Lay Daniels, mentres que Anna Montañana preparaba o seu quinteto con Laura Spreafico, Iyana Martín, Andrea Vilaró, Khadijiah Cave e Virag Takacs-Kiss.
O primeiro cuarto volveu sorrir ao Perfumerías Avenida, que o levou por 16-21. Iyana Martín abriu o marcador cun triplo para as visitantes, mentres que Moira Joiner respondeu desde a liña de tiros libres para o Baxi. Ine Joris e Lay Daniels impulsaron ás locais cun parcial de 6-0 que parecía animar a remontada, pero o Avenida reaccionou con contundencia mediante un 0-9 que freou o intento local. Tras un intercambio de canastras nos compases finais, o conxunto visitante pechou o período con vantaxe no marcador.
No segundo cuarto, o Perfumerías Avenida volveu impoñer o seu ritmo e ampliou a diferenza ata o 28-42. O Baxi acumulaba demasiadas imprecisións en ataque, mentres que as salamantinas mostrábanse máis sólidas e acertadas, tanto en ataque como en defensa. As de Lino López protagonizaron unha tímida reacción que apenas logrou recortar distancias, pero o Avenida soubo recompoñerse con rapidez para retomar o control do partido e marcharse ao descanso cunha cómoda vantaxe.
O terceiro asalto volveu caer ao lado do Avenida por 44-66. Lay Daniels inaugurou o período anotando para o Baxi, pero a resposta visitante foi fulminante con Cave e Spreafico liderando un parcial de 0-12 que terminou de romper o encontro. A partir de aí, ambos os equipos intercambiaron canastras, aínda que as de Anna Montañana mostráronse máis efectivas e sólidas ofensivamente, mantendo o control do marcador e da eliminatoria.
O último cuarto finalizaría igualado en canto ao parcial, o que supoñía unha pequena dose de orgullo a pesar da derrota e a eliminación da EuroCup Women por un 57-79. Comezaban anotando Alba e Joiner, e respondían inmediatamente Iyana e Spreafico. Co paso dos minutos, os dous equipos, xa baixo de revolucións, protagonizaban varias canastras en campo rival de forma equilibrada. O Baxi despedía así o soño europeo ante as aclamacións da súa sempre fiel afección, que acompañou ao equipo ata o último segundo entre ovacións.
Foto: sadmoody241
RESULTADO: Baxi Ferrol 57-79 Perfumerías Avenida
BAXI FERROL: Moira Joiner (5), Clementine Samson (4), Blanca Millán (12), Ine Joris (2) e Lay Daniels (6); Elena Rodríguez (3), Alba Sánchez-Ramos (6), Claire Melia (13) e Karolina Sotolova (6).
PERFUMERÍAS AVENIDA: Laura Spreafico (8), Iyana Martín (11), Andrea Vilaró (9), Khadijiah Cave (18) e Virag Takacs-Kiss (6); Claudia Soriano (8), María Belén Arrojo (15), Shavonte Zellous (2), Abigail Meyers (0) e Mousdandy Djaldi-Tabdi (2).
CUARTOS: 16-21; 31-42 (15-21); 44-66 (13-24); 57-79 (13-13).
ÁRBITROS: Natasa Dragojevic, Veronika Obertova e Ali Sakaci. Sinalaron 21 faltas a favor do Baxi e 13 en contra.
INCIDENCIAS: Partido correspondente á volta dos oitavos da EuroCup Women celebrada no Pavillón de A Malata ante 1317 afeccionados.




