O Baxi Ferrol segue sumando á súa historia cunha nova exhibición no Pavillón da Malata lideradas por unha estelar Àngela Mataix con 32 puntos, vencendo por 78-73 ante o conxunto húngaro do DVTK Huntherm no encontro de ida dos oitavos da EuroCup Women.
Espectacular ambiente con gran entrada o que presentou o Pavillón da Malata para o encontro de ida dos oitavos da EuroCup Women. Lino López saíu co quinteto formado por Àngela Mataix, Gala Mestres, Alba Sánchez-Ramos, Julie Pospisilova e Claire Melia, mentres que Peter Volgyi saíu con Kaila Charles, Nina Aho, Reka Lelik, Monika Grigalauskyte e Milica Jovanovic.
O Baxi Ferrol protagonizou un bo arranque de cuarto cun 7-0 liderado por Gala Mestres, Claire Melia e Julie Pospisilova e que se viu interrompido por dous tiros libres transformados por Milica Jovanovic. Novamente as ferrolás volvían tomar a iniciativa cunha Alba Sánchez-Ramos estreándose desde a liña de tres. As húngaras achegábanse timidamente no marcador, pero dúas canastras consecutivas de Noa Morro obrigaban ao técnico visitante a cortar o ritmo cun tempo morto. Con dous minutos por diante, Gala Mestres sacouse un triplazo desde a súa casa para poñer un 21-9 no electrónico e a capitá Àngela Mataix non quedaba atrás para seguir cribando desde a liña de tres ás húngaras, pechando o cuarto cun 24-11.
O segundo cuarto iniciou con intercambio de golpes, anotando a primeira de dúas as ferrolás por obra de Julie Pospisilova e respondendo as húngaras do mesmo xeito con Melinda Miklos como protagonista. Carlota Menéndez sumábase ás anotacións cun triplo. A partir de aí, o Baxi sufriu unha importante desconexión anotadora que aproveitaron as rivais para meter un 0-17 co que lle daban a volta ao marcador e poñíanse por diante 29-30, necesitando Lino López pedir tempo morto para tratar de reverter esta situación. Tras a volta ás pistas, as locais protagonizaron unha nova perda de balón e Kaila Charles daba outros dous puntos para as súas. A falta dun minuto, Àngela Mataix conseguía anotar finalmente para o Baxi Ferrol e poñerse un abaixo, pero un triplo de Reka Lelik golpeaba de novo aos intereses ferroláns. O segundo acto chegaba ao seu fin con cinco arriba para as húngaras, que lles entrou case todo o que tiraron, cun resultado de 35-40.
Tras a volta de vestiarios, Kanyasi puxo os primeiros dous puntos para as húngaras aos que responderon Àngela Mataix cun 2+1 e posteriormente Julie Pospisilova cun triplo. O partido comezou cun ritmo frenético nos que o Baxi mostrábase máis efectivo liderados pola capitá, que estaba a anotar en cada ataque das ferrolás para poñerse un punto por abaixo. No seguinte ataque, o Baxi Ferrol volvía recuperar a vantaxe cunha boa xogada individual de Pospisilova. Estaban a ser grandes minutos das ferrolás, que mostraban a imaxe mostrada no primeiro cuarto e dominaban o electrónico co resultado de 53-48 a falta de tres minutos e medio. Tras varias canastras entre os dous conxuntos, o partido marchábase ao último período co Baxi Ferrol vencendo por 58-56.
O último cuarto iniciou con dous tiros libres anotados Gulbe que igualaban o encontro 58-58. Àngela Mataix devolvía a vantaxe para as súas tras roubar o balón Popisilova e filtrar un balón para a de Onil que non fallaba na súa bandexa ao aro. O partido estaba con todo aberto no ecuador, coas ferrolás cunha vantaxe mínima no marcador de 65-64, pero Àngela Mataix botábase o equipo ás costas e cun triplo levantaba a todo o público dos asentos, sumando na súa conta persoal 26 puntos con catro minutos aínda por diante. O Baxi aguantaría os intentos de remontada das rivais e sumaba unha vantaxe de cinco puntos arriba que aguantaba durante os minutos finais para finalizar o encontro co resultado favorable de 78-73.
O Baxi Ferrol levou a vitoria no encontro de ida ante un dos favoritos para alzarse coa EuroCup Women e cunha vantaxe de cinco puntos terá unha lixeira vantaxe para seguir facendo historia. O encontro de volta disputarase o vindeiro xoves 16 de xaneiro ás 18:00 horas no Miskolc.
RESULTADO: Baxi Ferrol 78-73 DVTK Huntherm
BAXI FERROL: Àngela Mataix (32), Gala Mestres (6), Alba Sánchez-Ramos (3), Julie Pospisilova (16) e Claire Melia (8); Jori Davis (2), Noa Morro (8), Carlota Menéndez (3).
DVTK HUNTHERM: Kaila Charles (18), Nina Aho (2), Reka Lelik (3), Monika Grigalauskyte (14) e Milica Jovanovic (7); Melinda Miklos (9), Veronika Kanyasi (13), Ana Tadic (1) e Aleksa Gulbe (6).
CUARTOS: 24-11; 11-29 (35-40); 58-56 (23-16); 78-73 (20-17).
ÁRBITROS: Ali Sakaci (Turquía), Emma Perry (Irlanda) e Ilias Karpanos (Grecia). Sinalaron 40 faltas, 20 a favor do Baxi Ferrol e 20 en contra.
INCIDENCIAS: Partido de ida dos oitavos da EuroCup Women celebrado no Pavillón de A Malata.