Os deportistas xuvenís do conxunto carballés foron segundos na súa categoría, mentres que os júniors finalizaron a competición nacional na quinta posición.
O Club Sysca puxo o peche da mellor forma posible á tempada 2025/2026 de clubs de salvamento e socorrismo no Campionato de España das categorías xuvenil, júnior e absoluta, disputado na praia de Razo. Durante seis días, o areal carballés reuniu algúns dos mellores socorristas do panorama nacional. Pola súa banda, o Sysca finalizou a competición como o terceiro mellor equipo absoluto de España, ademais de ser segundo na categoría xuvenil e quinto na júnior. Uns resultados que consolidan o conxunto de Carballo entre os mellores a nivel nacional na modalidade de praia.
En canto aos xuvenís, Mateo Pallas colgouse a prata na proba de bandeiras, mentres que Lluc Pensado rematou na terceira posición a carreira con táboa. Por equipos, o conxunto masculino fíxose cun total de cinco medallas: dous ouros, en rescate con táboa e no relevo de sprint; dúas pratas, no relevo de ski e no de ocean; e un bronce, no relevo de táboa. Ademais, o equipo feminino proclamouse campión de España no relevo de rescate con tubo.
Na categoría júnior, dúas das máis destacadas foron Sara Puñal, dobre subcampioa nacional ao ser segunda tanto en carreira con táboa como en ocean, e Kevin Pallas, quen se fixo co ouro na proba de sprint. Nos relevos, o equipo masculino subiu ao máis alto do podio no rescate con táboa, mentres que o feminino colgouse o bronce no relevo de ocean.
No campionato absoluto, disputado entre o venres e o domingo, Anxo López levou a prata na proba de nadar surf e Samuel Quintela fíxose co bronce no sprint. Ademais, tanto o xuvenil Lluc Pensado como a júnior Sara Puñal, que xa conseguiran medalla na carreira con táboa nas súas respectivas categorías, volveron subir ao podio tras ser segundos nesta proba fronte a rivais dunha idade superior. Por equipos, o conxunto masculino foi segundo no relevo de táboa e terceiro no de sprint. Ademais, o Sysca proclamouse campión de España no relevo de ocean mixto.
Esta competición certificou o final dunha tempada que sitúa o Club Sysca entre os mellores equipos do ámbito nacional, tanto en piscina como en praia. Porén, para algúns dos integrantes do conxunto carballés este curso 2025/2026 aínda non rematou, xa que o último fin de semana de setembro terá lugar en Bétera, na Comunidade Valenciana, o Campionato de España por Comunidades Autónomas.
Info e foto: Sysca Salvamento




