Pablo Riveira Luaces “Pitu” (Ferrol, 1984), é o dono da medular no San Sadurniño.
Domina ambas pernas con naturalidade, ten visión de xogo privilexiada e posúe un disparo temible desde media e longa distancia. A súa carreira percorreu campos de todo o norte galego, pasando polo Narón Balompé, O Val, Rosalía de Vilaboa, Meirás, San Mateo, Miño, Maniños, veteranos do Racing e Cedeira. No céspede, Pitu é luz e oficio, pausa e rebeldía, un creador que transforma os partidos nun relato épico. Sempre competitivo, nunca rende, e segue a deixar pegada onde xoga unha lenda local que segue medrando co paso dos anos no fútbol galego de forma imparable.
Como foi a túa acollida no Sansa?
A pesar de que case non coñecía a ninguén, non foi difícil integrarme no grupo. Todo foron facilidades. É un grupo moi san e así é moi doado integrarse.
Como chegades de ánimo para xogar a promoción?
Pois a verdade é que chegamos tocados. Vai ser difícil recuperarse, pois tivemos dúas oportunidades e non puido ser, pero estou seguro de que nos levantaremos e de que o daremos todo para poder conseguir o ascenso.
Tras esta tempada, seguiremos gozando do teu fútbol?
Está sendo unha tempada moi dura para min no que respecta ás lesións. Estou xogando con dor e iso limítame bastante. Case seguro que esta sexa a miña última tempada.
Foto: sadmoody241




