O extremo do BM Pontedeume, Pedro Tabuyo Cerqueiro (A Coruña, 1996), criouse en Marín, formándose no Bueu e posteriormente recalando en equipos como o Sar, Poio Artai, Meaño, Octavio, Rasoeiro, para regresar ao Sar e finalmente asinar polo conxunto eumés, sendo esta a súa terceira tempada.
Pedro Tabuyo analizou a presente campaña e a reacción do equipo para meterse na segunda fase polo título, declarando que “empezamos mal a tempada, ao final atopámonos cun equipo moi novo no que, a verdade, moitos dos xogadores levan pouco practicando este deporte e non atopabamos as sensacións nin ofensiva, nin defensivamente, en canto conseguiamos ser competitivos, non podiamos mantelo todo o partido. Despois da primeira vitoria o equipo sacou un carácter competitivo que nos levou a meternos na fase polo título”. Outro dos factores que influíu na tempada é que “ata xaneiro practicamente non tivemos a Álex Sánchez, tivemos varias ausencias por lesión e outros motivos, que en moitos casos tamén nos penalizaron”.
Sobre esta segunda fase que competiu o conxunto eumés e non logrou clasificarse para a fase final, Pedro Tabuyo comentou que “este ano foi moi complicado, a última parte da tempada tivemos un ataque moi potente e conseguiamos vantaxes grandes, pero non soubemos aproveitalas, perdendo moitos partidos nos minutos finais”, engadindo a continuación que “é algo a mellorar e que nos achegaría moitísimo ao Pontedeume do meu primeiro ano”.
O que máis destaca o xogador coruñés das súas tres tempadas no equipo eumés é “a entrega da súa xente, cheguei cun equipo veterano no que quedamos sextos en Primeira Autonómica e loitabamos contra todo e contra todos. A Casqueira foi o noso fortín, agora sigo, porque me gustaría transmitir iso a estes rapaces e poder axudar ás persoas como Óscar, Pepe ou Paco, que cada un, á súa maneira, entréganse por manter o club e a historia do Balonmán Pontedeume”.
Finalmente, Pedro Tabuyo falou sobre os equipos que máis lle sorprenderon esta tempada, opinando que “o Xiria formou un cadro súper competitivo e cunha forma de xogar moi característica propia da súa escola”, e tamén incluíu ao Abegondo, o cal “reforzouse moi ben, ao meu parecer é un equipo con moito potencial a medio prazo”.
Foto: Sadmoody241




