O conxunto ferrolán non puido obter o resultado desexado no seu penúltimo test de pretempada e caeu por 2-4 ante o Burela no encontro disputado no pavillón de A Malata, onde os locais tiveron que remar contracorrente desde os primeiros compases e, a pesar de intentalo ata o final, non conseguiron completar a remontada ante o cadro lucense, que soubo defender a súa vantaxe.
Gerard Casas apostaba de inicio por un quinteto formado por Caio César, Lucas Farias, Rikelme, Yan Matheus e Diogo. Pola súa banda, o Burela de Juanma Marrube, vello coñecido da casa ferrolá, saía de inicio con Joao Víctor, Alan, Pitero, Raid e Báez.
O encontro non podía comezar peor para O Parrulo. Os ferroláns entraron fríos á pista e, apenas uns segundos despois do asubío inicial, Raid aproveitaba a desconexión local para adiantar os lucenses. Co paso dos minutos, O Parrulo foi asentándose sobre a pista e comezou a dominar o xogo, exercendo ademais unha presión moi alta que lle permitía recuperar balóns en zonas perigosas. Atrás, os de Gerard Casas apenas concedían ocasións e, superado o ecuador do primeiro período, Brayan encargábase de poñer as táboas no marcador. A ledicia duraría pouco. Unha nova desconexión defensiva permitía a Raid volver poñer por diante o Burela co 1-2 e apenas un minuto máis tarde, Ortuño ampliaba a renda visitante ao culminar unha boa contra e establecer o 1-3.
O Parrulo buscou reaccionar antes do descanso e Lucas Farias tivo unha magnífica oportunidade para recortar distancias, pero Joao Víctor realizaba unha espectacular intervención para evitar o gol ferrolán. Nos últimos minutos do primeiro tempo, os locais apostaron por Rikelme como porteiro-xogador, aínda que non conseguiron aproveitar a superioridade numérica en ataque e chegaron ao descanso con dous goles de desvantaxe.
Tras o paso polos vestiarios, O Parrulo volveu saír cunha presión moi alta e disposto a buscar a remontada. Os ferroláns xeraron varias ocasións para achegarse no marcador, pero faltaba precisión no último remate para conseguir perforar a portería defendida por Joao Víctor. Ademais, os locais comezaban a acumular faltas. Con trece minutos aínda por disputar, O Parrulo chegaba xa á quinta falta, o que obrigaba os ferroláns a medir cada acción defensiva. A situación complicaríase aínda máis cando o canteirán Lucas cometía a sexta falta e concedía un dobre penalti ao Burela. Izan asumía a responsabilidade, pero o seu lanzamento estrelábase no poste e mantíñase vivo o encontro.
O Parrulo continuaba buscando o camiño do gol e Diogo dispoñía doutra boa oportunidade, obrigando novamente a Joao Víctor a realizar unha gran intervención. Os ferroláns insistían e, finalmente, atopaban o premio. Yan Matheus protagonizaba unha gran manobra dentro da área, xirándose con habilidade para colocar o balón na escuadra e poñer o 2-3 no marcador.
Co encontro xa nos seus últimos minutos, O Parrulo lanzouse definitivamente ao ataque, con Yan Matheus exercendo como porteiro-xogador. Os locais tentaron por todos os medios atopar o empate, pero atopáronse cunha defensa lucense convertida nunha auténtica muralla, que resistiu as acometidas ferrolás. E cando parecía que o encontro estaba abocado a rematar cunha mínima desvantaxe local, o Burela sentenciou. A falta de apenas dous segundos, os visitantes recuperaron o balón e Izan, desde o seu propio campo, acertou a introducir o balón na portería baleira para establecer o definitivo 2-4.
Deste xeito, O Parrulo non puido poñer o broche desexado ao seu penúltimo test de pretempada. Quedan dúas semanas para o inicio da competición ligueira e os ferroláns aínda terán unha última oportunidade para seguir afinando a súa posta a punto. O derradeiro ensaio será o vindeiro venres, cando O Parrulo reciba o Noia Portus Apóstoli ás 20:00 horas no Pavillón de A Malata, nun novo test antes de afrontar o campionato nacional.




