O BBCA de Carlos Cotovad logrou sumar a cuarta vitoria consecutiva tras superar ao Cambre por 71-65.
De máxima intensidade poderíase cualificar ao partido do sábado no Javier Gómez Noya, ante un ateigado pavillón, o equipo local poñíase a proba ante un correúdo rival, que traía moi preparado o partido, sabendo como castigar aos departamentais, que novamente cargado de baixas, ata seis nesta xornada, conseguía cun traballo coral deixar a vitoria en casa.
O partido empezaba moi intenso, coas defensas predominando sobre os ataques, un BBCA que rotaba a todos os xogadores dispoñibles para manter un ritmo altísimo de partido, pechaba este primeiro asalto cun pírrico marcador de 13-10.
O segundo cuarto foi sen dúbida o momento que o equipo local perdeu o control do encontro, un Cambre que superaba aos locais no rebote ofensivo, en velocidade de xogo e en acerto, endosaba un 18-27 aos ártabros que minimizaban danos índose ao vestiario só 6 puntos por baixo 31-37.
No descanso os locais reordénanse, saen coas ideas moi claras e endosan un 12-2 de saída, poñéndose por diante no marcador, controlan mellor o rebote en canastra propia, apertan os dentes en defensa e melloran de cara ao aro, un parcial de 20-12 fai que cheguen en vantaxe ao final do terceiro cuarto con 51-49.
No último cuarto viviuse un duelo frenético, Cambre consegue empatar o encontro 58-58 a falta de 4:54 para o final e novamente 60-60 a falta de 3:05, pero nese momento o acerto no lanzamento, que fora esquivo para os locais, aparece, dous triplos de Rivas outro de David Gómez e unha canastra de David González decantan o partido para os departamentais cun parcial de 20-16 no último cuarto para chegar ao definitivo 71-65.
Xogaron e anotaron polo Costa Ártabra: David Gómez (3), Unai (8), Rivas (17), Fuertes (13), Diatta (11) -cinco inicial- André (0), Paulo (0), Pevi (8), Pelayo (7), Adrián (0), David González (4) e Sande (0).
Info e foto: BBCA




