Saray Duarte: “Foi unha tempada de aprendizaxe”

A centrocampista do Cee, Saray Duarte Quintáns (Baíñas, 2005), é unha xogadora con moita técnica que xogou na base do Dumbría e compaxina no fútbol sala no Fisober.

Que che pareceu a tempada?
Comparada con tempadas anteriores e vendo a clasificación en liga, creo que foi o peor ano no que competimos. Seguiamos contando con poucas fichas no equipo, polo que tivemos que subir a varias cadetes para poder seguir competindo, e aínda así seguiamos sendo, a maioría das veces, soamente 12 xogadoras. É verdade que o ano pasado tamén acabamos a competición coas mesmas xogadoras, pero penso que este ano nos condicionou máis porque o nivel da liga e o ritmo dos partidos aumentou bastante. Ademais, estivemos a primeira parte da tempada sen Luchi, pola súa lesión do xeonllo, que é unha xogadora clave, e a segunda parte da tempada sen Paula, pola mesma lesión, que é outra xogadora que nos achega moito ao equipo, sobre todo goles, que foi do que máis nos faltou este ano. A pesar de todo, penso que foi unha tempada de aprendizaxe e que nos servirá para poder competir mellor o ano que vén.

Que xogadora foi a túa referente e por que?
Ana Mouzo, porque desde o primeiro día que fichei polo Fisober foi un apoio moi grande que tiven, e afortunadamente, sigo tendo. Mesmo antes de que empezase a xogar co equipo senior, sempre se preocupou por min, animándome, corrixíndome, ensinándome e transmitíndome toda a súa confianza para que mellorase en cada pasiño que daba. É algo do que estou moi agradecida, porque sei que con ela vai haber sempre alguén que confíe plenamente en min. Ademais, entre moitos logros, conseguiu un ascenso nacional, con todo o mérito que iso conleva, e como adestradora proclamouse subcampioa de España coa selección galega sub-12. Un dos moitos motivos para admirala totalmente.

Que é o mellor de compaxinar o fútbol campo co sala?
Pois a verdade é que nunca me parei a pensalo, pero creo que algo bastante positivo de compaxinar ambos deportes é que, ao ser xogos táctica e tecnicamente diferentes, adquires diferentes habilidades que che poden servir de axuda á hora de xogar.

Foto: fotofuentes

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas