SEGUNDA GALICIA: Volveu a Liga da Costa con seis favoritos ao ascenso

Ben sabe todo o que se vestiu de corto nalgunha ocasión que a palabra favorito non xoga nin marca goles. Provoca moitas veces, de feito, o efecto contrario e carga de responsabilidade a algún que, quizais, non fose merecedor de tal distinción. Sabe tamén que os obxectivos se conseguen en maio e non en outubro, pero toda competición parte sempre cuns favoritos por riba doutros e, a día de hoxe, á Liga da Costa non é unha excepción.

Unha categoría, a máis vencellada á nosa bisbarra, que daba comezo esta fin de semana e na que cinco dos seis equipos chamados a estar no máis alto, abriron o camiño con vitoria. Só fallou o Muxía, que caeu sorprendentemente ante un Outes (1-3) que soubo frear ás arremetidas ofensivas locais e aproveitar o seu momento nos minutos finais.

A piques estiveron tamén de pinchar outros dous candidatos como Cee e Coristanco, que foron quen de vencer ao Lira (3-2) e ao Cerqueda (2-3), respectivamente. Non sufriron tanto Esteirana (1-5 antes Monte Louro), Castriz (0-4 ante Nantón) ou San Lorenzo (4-1 ante Cabana), que completan esa terna de candidatos a estar nos tres postos que ofrece cada subgrupo para chegar á fase de ascenso no que só un logrará o ansiado premio.

Son, como non podían ser doutra forma a estas alturas, meras especulacións, pero a continuidade de proxectos por unha banda, e a calidade dos reforzos pola outra fan destes seis conxuntos os máximos aspirantes. Outra cosa é o que pase no terreo de xogo, onde outros grandes equipos como Muros, Baiñas, Malpica ou Cerqueda poden aproveitar os seus puntos fortes para colarse nos postos altos. É máis nunha primeira fase tan curta na que, ademais de descansar dúas veces cada equipo, cada derrota vai ser moi difícil de recuperar. A sorte está botada, por fin, co retorno da Liga da Costa.

 

Foto de Felipe da Lareira.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas