Unha das fichaxes máis ilusionantes do CB Laracha foi o da talentosa base June Carmona Alonso (Aretxabaleta, 2005), formada no Ointxe de Arrasate (Mondragón) e que chegou procedente do poderoso Araski.
A xogadora vasca é moi rápida, habilidosa e unha auténtica máquina de anotar, sendo unha das principais encestadoras no ranking da liga.
Que namoroute do baloncesto a primeira vez que tocaches un balón?
A primeira vez que collín o balón foi aos sete, nese momento tiña varios deportes entre mans. Pero sentín que era o meu deporte, sentín unha tranquilidade e plenitude que os demais non lograron espertar en min.
Que tal é a túa nova vida en Galicia?
Sentín unha acollida por parte do pobo de Laracha e da súa xente que fai que me sinta como na casa. É difícil de expresar o cómoda que me fan sentir as miñas compañeiras de equipo, son xogadoras e persoas incribles e iso fai que teña cada vez máis ilusión de seguir traballando e subindo con elas.
Que palabra ou valor cres que define ao Laracha e por que?
Resiliencia: temos equipos moi peleones, que non se renden ante un mal marcador. E facendo máis referencia ao meu propio equipo, a tempada pasada fixeron a primeira volta practicamente sen vitorias e na segunda terminaron levándose o ascenso. E reivindicativo: fan un labor social incrible coas problemáticas recentes. Creando iniciativas orixinais, educativas e necesarias, facendo que os nosos pequenos teñan unha referencia para seguir (cancro de mama, bullying, diabetes, etc.).
Foto: fotoschimpi




