Desta forma expresábase o piloto dumbriés Víctor Senra tras impoñerse na quinta cita do campionato de Galicia de ralis. O piloto logra un jalón no automobilismo autonómico, xa que conseguiu a vitoria nas cinco probas disputada ata a data na competición e comeza a cimentar un novo título ao seu palmarés.
Na última carreira, 5º Rali de Mariña Lucense, Víctor acudiu con David Vázquez Lista ao seu lado no Skoda Fabia R5 Evo. A solvencia con que volveu pilotar polas estradas lucenses comezou a marcar diferenzas desde primeira hora nos tramos matinais cos seus continuos scratch. Baixou o ritmo, para volver incrementar a súa pilotaxe nos nocturnos. Así chegou a Xove co rali sentenciado. Coa vitoria, salvo sorpresa de última hora, ten agora a súa atención en saber quen quedará subcampión. Na Mariña acompañaron no podio ao piloto de Dumbría Francisco Dourado, “Paco”, de Lugo, cun VW Polo GTI R5, e Jorge Pérez, de Salceda de Caselas, cun Skoda Fabia Rallye 2, respectivamente. Quedando cuarto Alberto Meira, co seu Citroën DS3 R5. Na carreira acabaron 42 pilotos e abandonaron 16. Con estes datos, Jorge Pérez, Alberto Meira e Paco Docampo son os candidatos para ocupar a segunda praza da clasificación xeral, cando falta catro citas no calendario autonómico:
9º Rali Ourense – Ribeira Sacra, o día 1 de outubro.
43º Rali San Froilán, o día 22 de outubro.
1º Rali Ribeira – Ría de Arousa, o día 12 de novembro.
1º Rali Fama 10 – Botafumeiro, o día 3 de decembro.
RALI DO LACÓN
Antes do vivido no norte de Lugo, asumiu a súa presenza a cuarta proba do campionato de Galicia: o 35º Rali do Lacón, no Carballiño. Nel, Víctor Senra tivo como copiloto a Ramón López, xa que o habitual, David Vázquez, estaba a competir en Ferrol con Iván Ares, co que tamén conseguiu o triunfo na cita do nacional.
A superioridade do piloto dumbriés Víctor Senra co seu Skoda Fabia R5 Evo no Rali do Lacón foi tal que o triunfo de decantou antes do esperado, a pesar de que Meira tentouno todo e ao final tivo que virar a cabeza, posto que o lucense Paco Dourado a punto estivo de excedelo. Así eses tres pilotos coparon os caixóns do podio nesta cita, que regresaba a escena despois de celebrar a última edición no ano 2006.
Víctor Senra xa comeza a ter mal afeitos aos afeccionados e, sobre todo, aos seus rivais, debido a que ata o momento non deu ningún tipo de opcións aos demais. Xa que comezou a tempada con triunfo claro no 25º Rali da Coruña, o 28 de maio. Despois a súa hexemonía continuou no 3º Rali de Pontevedra e o 17º Rali Sur do Condado.
O número 1 que loce nas portas do seu coche Skoda Fabia Evo 2 R5 fai que Víctor Senra Carreira (Dumbría, 1984) estea a marcar unhas claras diferenzas cos demais e todo fai presaxiar que alcanzará o seu quinto título consecutivo, co que igualaría o conseguido polo seu pai, Manuel Senra, “Tarolo” e achegaríase así ao ferrolán Germán Castrillón, que ostenta ser o piloto máis laureado en Galicia, con seis cordóns ata a data.