O Valdetires Ferrol quedou eliminado nos oitavos de final da XIX Copa Galicia tras caer por 0-1 ante o Grupo Forma-T Vilalba nun encontro decidido cando apenas restaban 19 segundos para a conclusión.
Un cruel desenlace para o conxunto ferrolán, que, a pesar de afrontar o primeiro test da pretempada e de contar con importantes baixas, ofreceu unha gran imaxe no pavillón de Esteiro e mereceu mellor sorte ante un rival directo ao que volverá enfrontarse esta tempada na competición nacional.
As ausencias de Mara Fiallega, Rio Matsuki, Suzan Bezerra, Male Pellegrino e Mariña Castro non impediron que as locais saísen á pista dispostas a levar o peso do encontro. O Valdetires tomou a iniciativa e levou a batuta en ataque durante boa parte do primeiro tempo, xerando numerosas ocasións nas botas de Laurita, Tere, Mery, Carol, Valeria Montero e Dany. Pero fronte ás tentativas ferrolás apareceu unha e outra vez a figura de Albita. A gardameta do Vilalba foi a gran protagonista baixo paus, converténdose nun auténtico muro e impedindo que o dominio local se traducise en goles.
O conxunto lucense tamén tivo as súas opcións para adiantarse no marcador, aínda que nesta ocasión foi Sheyla quen se encargou de manter a portería ferrolá a cero cunha actuación sobresaliente. O primeiro tempo deixou tamén unha oportunidade desde os dez metros para cada equipo. Carol foi a encargada de executar o dobre penalti do Valdetires, pero Albita adiviñou a súa intención e detivo o lanzamento. Posteriormente, Lara dispuxo da mesma oportunidade para o Vilalba, pero Sheyla respondeu coa mesma contundencia. Co empate sen goles chegouse ao descanso e todo quedaba por decidir.
Na segunda metade, os dous equipos lanzáronse decididamente á procura do gol da vitoria. O Valdetires volveu tomar inicialmente o control do xogo e dispuxo dalgunha ocasión clara para romper a igualada, pero Albita continuaba a negarlles o gol ás ferrolás. O Vilalba, pola súa banda, medraba a medida que avanzaban os minutos. Cada recuperación de balón convertíase nunha perigosa contra, poñendo a proba constantemente á defensa local. E aí estaba de novo Sheyla, convertida no gran sustento do Valdetires e frustrando as chegadas do conxunto visitante.
Preto do ecuador da segunda metade chegou unha das accións máis controvertidas do encontro. Nunha contra do Vilalba, Sheyla saíu da súa área e chocou cunha xogadora visitante. O colexiado non aplicou a lei da vantaxe e interrompeu a xogada, polo que o posterior tanto do cadro lucense non subiu ao marcador.
Co paso dos minutos, o partido entrou nunha fase de máxima tensión. Ambos os equipos buscaban o golpe definitivo e calquera erro podía resultar determinante. O Valdetires tivo unha magnífica oportunidade para poñerse por diante a poucos minutos do final, novamente desde o dobre penalti. Carol asumiu a responsabilidade, pero o seu lanzamento foise fóra.
E cando todo parecía encamiñado cara á prórroga, chegou o golpe definitivo. A falta de tan só 19 segundos, o destino do encontro quedou selado. Carol recibiu o balón e sufriu un lixeiro resbalón que aproveitou Myrielen para roubar a posesión. A xogadora do Vilalba encarou a portería e conseguiu superar a Sheyla para poñer o 0-1 no marcador.
O Valdetires xa non tiña practicamente marxe de reacción, pero lanzouse á desesperada en busca dun empate que mantivese vivo o seu camiño na Copa Galicia. Tere puxo a camisola de porteira-xogadora e as ferrolás intentaron aproveitar os últimos segundos, pero o reloxo correu demasiado rápido.
O asubío final confirmou a eliminación do Valdetires nos oitavos de final. Un resultado doloroso pola forma en que se produciu, pero que non debe ocultar a excelente actuación das ferrolás. No seu primeiro encontro da pretempada, ante un rival directo e cunha lista importante de baixas, o equipo deixou moi boas sensacións e competiu de igual a igual ata o último suspiro.
O fútbol sala foi cruel con un Valdetires que tivo ocasións suficientes para levarse o triunfo, pero que acabou pagando moi caro un pequeno erro a 19 segundos do final. O Grupo Forma-T Vilalba continúa así o seu camiño na XIX Copa Galicia, mentres as ferrolás quedan fóra cunha certeza: a imaxe ofrecida en Esteiro invita ao optimismo de cara a unha tempada na que ambos os equipos volverán medir as súas forzas na competición nacional.
Foto: sadmoody241




