Bruno Romero Silva (Fisterra, 1994), regresou esta tempada á casa para volver vestir a camisola do Fisterra, club no que xa militara en campañas anteriores.
Dianteiro de raza, leva no ADN o gol e percorreu o fútbol da nosa Costa en equipos de renome como o Cee, Soneira, Lira, Dumbría e Porteño. Bruno é un auténtico “killer” da área ao máis estilo Harry Kane, capaz de armar a perna nun segundo e soltar un lategazo co seu excelente golpeo, ademais de ser moi participativo no xogo do equipo. Forte no duelo ante os defensas que o marcan, pelexa cada balón e vive coa portería rival sempre entre cella e cella.
Que sentes ao volver ao Fisterra?
Pois sinto que volver á casa e loitar polas cores do teu pobo sempre é un orgullo e unha felicidade, pero, sobre todo, poder xogar cos meus amigos é o mellor que hai.
Como viviches o hat-trick na primeira xornada?
O hat-trick é o de menos. O obxectivo era traer os tres puntos dun campo tan difícil como o do Corcubión, que tamén ten un superequipo e no que puido gañar calquera dos dous. Pero estou contento polos goles, que axudaron a traer os puntos para a casa.
Que obxectivo che gustaría cumprir este ano?
Pois non son de marcarme obxectivos para a tempada, gústame ir partido a partido, pero se teño que dicir un, “non lesionarme en todo o ano (risas)”.
Foto: fotofuentes



