O histórico Racing San Pedro ten no lateral dereito a unha auténtica xoia como é Alejandro Castelao González (Ferrol, 2006), coñecido como Álex Castelao.
O ferrolán é unha bala que aporta moi boas coberturas, dobra moi ben por banda, preciso no pase, seguro atrás e ofrecendo ao equipo unha saída limpa de balón. Formouse nas categorías inferiores do Narón, disputando encontros co primeiro equipo, chegando posteriormente aos xuvenís do Portuarios, ata que finalmente recalou este verán no Racing San Pedro.
Que foi o que máis te chamou a atención para fichar polo Racing San Pedro?
Tiña varias opcións para fichar por outros clubs, pero a volta do primeiro equipo do San Pedro despois de 50 anos chamoume a atención, máis as amizades que había dentro e a confianza depositada en min de todo o corpo técnico.
Que está a parecerte o nivel desta nova competición?
Sempre é difícil adaptarse a unha nova categoría, é un salto de rendemento grande, somos un equipo con xogadores moi novos e aínda nos queda moito por mellorar, pero teño confianza en todos os meus compañeiros. Sei que podemos facer cousas grandes, tanto este ano como nos futuros.
Que obxectivo vos marcastes para esta tempada?
As nosas metas e obxectivos son moi claros, queremos gañar todo o posible e máis, o noso obxectivo agora mesmo é gañar a Copa que está en xogo e despois gañar a Liga para ascender a Segunda. Vai ser difícil, pero confío no equipo e no corpo técnico.
Foto: sadmoody241




