O Valdetires seguirá contando unha tempada máis coa talentosa e polivalente Teresa Pereiro Lorenzo (Noia, 2002), que chegaba a pasada campaña durante o mercado de inverno.
Tere é unha xogadora que todo adestrador quere no seu equipo, con carácter dentro do campo, intensa á hora de presionar e de meter o pé, habilidosa ao conducir a pelota e cunha traxectoria que comezou no equipo mixto do Noia FS ata os trece anos, e posteriormente militando no Meigas, formando parte tamén do combinado español e galego da sub-19.
Que significa para ti xogar ao fútbol sala?
Xogar ao fútbol sala, para min o é todo. Acompañoume na miña vida desde que era moi pequena e axudoume a mellorar como persoa e deportista. E ata día de hoxe, que practicar este deporte é o meu estilo de vida, con rutinas, adestramentos, alimentación e descanso adecuados, buscando o equilibrio e compatibilizar o deportivo co académico/aboral, dándolle moita importancia tamén á miña formación. Sempre tento ser o máis profesional posible porque creo que é o que me vai a permitir sentirme algo máis satisfeita e tranquila co traballo feito cando os resultados non saian como se espera e porque me gusta dar o 100% en todo o que fago.
Que é o que máis che chamou a atención do Valdetires?
Chamoume a atención que tiñan moi claro o obxectivo que buscaban conseguir. Valdetires é un club con historia e importancia no contexto de fútbol sala feminino en Galicia. Nos últimos anos conseguiuse disputar os play off de ascenso a primeira división en varias ocasións e iso demostra polo que se está loitando e traballando desde o club.
Ves posible volver pelexar polo ascenso nesta tempada?
A tempada pasada xa foi un reto difícil e conseguimos o obxectivo na penúltima xornada de liga. Para esta tempada os equipos están a reforzarse moi ben e se xa foi complicado o ano pasado, este aínda máis, pero é algo positivo porque lle dá maior nivel e valor á competición.
As túas rivais teñen moi difícil regatearche. Cal é a clave?
Clave non hai ningunha, sempre se che escapan algunhas. Nesta categoría hai moitas xogadoras con gran calidade e moi bo un contra un e cada unha é diferente; iso faio máis divertido (risas). A verdade que sempre me gustou moito máis o aspecto defensivo, pero se hai algo que creo que é determinante no fútbol sala debido á intensidade e velocidade do xogo, é fixarse nos pequenos detalles.
Fotos: Sadmoody241




