O Baxi segue no seu «prime»

O Baxi Ferrol segue coa boa serie para sumar a terceira vitoria consecutiva, nesta ocasión ante un correúdo IDK Euskotren ao que venceu cun gran último cuarto por 62-51 na 19ª xornada da Liga Feminina Endesa.

Con ganas de seguir coa boa serie tras as vitorias en casa ante o Spar Girona e asaltar o Würzburg para levar os dous puntos outro equipo poderoso como é o Perfumerías Avenida, o Baxi Ferrol volvía ao Pavillón da Malata para medirse ante un rival directo como é o IDK Euskotren, apostando Lino polo quinteto inicial conformado por Àngela Mataix, Gala Mestres, Julie Pospisilova, Alba Sánchez-Ramos e Claire Melia, mentres que Aranzazu Muguruza saíu con Laura Cornelius, Adut Bulgak, Roso Rosell, María Pendande e Becky Massey.

Os primeiros minutos do cuarto arrincaron cos tiros libres marcando a pauta tras a canastra inicial coa que inauguraba o electrónico Albela Sánchez-Ramos. Despois dos primeiros minutos de tenteo, as ferrolás, apoiadas pola intensidade defensiva que estaban a despregar, subiron revolucións e comezaron a abrir brecha no marcador, incluíndo un triplo de Blanca Millán, que acababa de entrar a pista, e finalizando o primeiro período co resultado de 21-9.

As ferrolás empezaron frías o segundo cuarto, con pouco acerto anotador, en especial desde a liña de tres, que aproveitaban as de Aranzazu Muguruza para recortar lixeiramente as distancias ata que un triplo de Rosell, seguido de dous puntos máis de Cornelius, deixábanas cinco abaixo e obrigaban a Lino López a solicitar tempo morto. Tras volver á pista, as vascas poñíanse a tan só un punto, deixando un último minuto moi emocionante no que Julie Pospisilova anotaba, pero Rosell igualaba a contenda co seu segundo triplo da noite para pechar o marcador con empate 31-31.

O terceiro cuarto iniciou igual que o primeiro, abrindo o marcador Albela Sánchez-Ramos tras entrar ata canastra nunha boa xogada individual. O IDK respondía pronto na seguinte xogada con Massey como protagonista, pero Gala volvía poñer ás súas por diante. Co partido novamente igualado, as ferrolás seguían negadas desde a liña de tres, contando con tan só un triplo anotado de doce intentos no que levabamos de partido. As vascas poñíanse por diante por primeira vez no partido cun 2 1 de Cornelius ante unhas ferrolás que seguían sen atopar regularidade ofensiva. Os dous equipos estaban moi imprecisos nos minutos finais, protagonizando moitas perdas, e no acto do caos impúxose o IDK Euskotren co resultado de 41-43.

Con todo en xogo, arrincou o último cuarto con canastra de Blanca Millán e posteriormente sacando Moira Joiner unha falta en ataque á súa adversaria. A propia Blanca Millán levantou ao público das butacas tras romper o maleficio que tiña atorado ao Baxi anotando o segundo triplo da noite e de novo con ela como protagonista. As vascas responderían cun triplo de Cornelius desde a súa casa e outros dous puntos para Rosell. O partido convertíase nun auténtico correcalles sen ningún dominador claro e coas ferrolás mandando no marcador por un punto arriba a falta de catro minutos. Pero foi nestes minutos cando as leoas ferrolás espertaron, ese equipo que está a deleitar en Europa e que venceu a dous dos titanes da tempada, e empezaron a anotar o que se resistiu durante o segundo e terceiro cuarto, para poñerse 8 puntos arriba a falta de dous minutos. Co tempo correndo a favor das de Lino López, Moira Joiner sacouse un triplo da chistera para deixar o partido sentenciado. Cos dous tiros libres anotados de Claire Melia, o partido chegaría ao seu fin coa terceira vitoria consecutiva das ferrolás co resultado de 62-51, sendo a MVP Claire Melia con 17 de valoración e máxima anotadora das locais xunto a Moira Joiner, con 12 puntos, mentres que polo IDK Euskotren, Laura Cornelius logrou a mellor puntuación do seu equipo con tamén 12 puntos.

Foto: sadmoody241

RESULTADO: Baxi Ferrol 62-51 IDK Euskotren

BAXI FERROL: Àngela Mataix (6), Gala Mestres (2), Julie Pospisilova (6), Alba Sánchez-Ramos (8) e Claire Melia (12); Carlota Menéndez (0), Moira Joiner (12), Jori Davis (0), Blanca Millán (10) e Noa Morro (6).

IDK EUSKOTREN: Laura Cornelius (12), Adut Bulgak (7), Roso Rosell (10), María Pendande (0) e Becky Massey (8); Alba Prieto (3), Nastja Claessens (6), Iris Mbulito (4), Becker (0) e Halvarsson (1).

CUARTOS: 21-9; 31-31 (10-22); 41-43 (10-12); 62-51 (21-8).

ÁRBITROS: Paula Lema Parga, Jordi Domingo Vilalta e Elena Espiau Guarner. Sinalaron 35 faltas, 21 a favor do Baxi Ferrol e 14 en contra.

INCIDENCIAS: Partido da 19ª xornada da Liga Feminina Endesa celebrado no Pavillón de A Malata.

Compartir:

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn

Novas relacionadas