O éxito do Bergantiños FC non é só mérito do seu adestrador, senón tamén da sólida estrutura que logrou crear cun plantel ben compensado.
A mestura de xuventude e experiencia foi unha das claves para afrontar con garantías unha categoría tan competitiva como a Segunda RFEF. Entre as incorporacións máis destacadas están xogadores como Tijan, no lateral esquerdo (Sarriana), Cristian Moreno (Ourense CF) e Fito (Villalbés), centrais, ou o veterano Ángel Bastos no lateral dereito (Pontevedra), quen lle deron un salto de calidade ao equipo xunto a Diego Uzal que retornou a As Eiroas desde o Villalbés.
Así mesmo, a dianteira contou co aporte de Omar e do goleador Álex Pachón (ambos do Manresa) e Antañón (Gran Peña), que demostraron estar á altura do desafío. Ademais, nomes xa coñecidos en Carballo, como Santi Canedo, Iago Martínez, Manu Núñez, Remeseiro, Alex Ramos, e os atacantes Musy e Longo seguiron rendendo a un nivel alto. Mención especial merece o mediapunta David Álvarez, quen deixou atrás os problemas físicos do pasado e está sendo un dos xogadores revelación do equipo.
Este equilibrio entre xogadores experimentados e promesas novas está permitindo ao Bergantiños adaptarse rapidamente á categoría e afrontar cada partido con opcións de vitoria. Cuesta enfatizou que ter un plantel longo e con postos dobrados lles brinda a flexibilidade necesaria para axustar o equipo en función dos diferentes rivais e situacións que poidan xurdir durante a tempada.