O domingo 19 de setembro comezou a nova tempada 2021/2022 de Billarda coa primeira xornada da Liga Atlántica Conferencia Noroeste disputada en Arteixo.
O Concello de Arteixo cedeu as instalacións do campo municipal Ponte dos Brozos para xogar esta primeira xornada de billarda e desde a Liga Atlántica agradecen ao Concello pola cesión do campo.
En canto á xornada, participaron un total de 55 palanadores de seis equipos procedentes da Coruña, Lugo e Pontevedra que puideron gozar dun día asollado para a práctica da billarda.
Na categoría absoluta, Abel Ponte de Campo da Feira proclamouse campión da xornada, sendo Collazo, tamén de Campo da Feira, o segundo clasificado e Bonxe de Chaínzos-Cadaval ocupou a terceira praza.
Na categoría feminina, o primeiro posto foi para Irene de Cochiqueiros, sendo Auri do Campo da Feira a subcampioa e Delia de Chaínzos-Cadaval a terceira.
En canto a categoría infantil, Abel do Campo da Feira foi o vencedor da xornada, sendo Kevin da APB o segundo clasificado e Roy, tamén da APB, o terceiro.
Finalmente, por equipos, o Campo da Feira dominou esta primeira xornada e proclamouse vencedor, sendo o segundo posto para Filloas de Sangue e o terceiro posto para APB.